O conxunto de características, costumes, valores, tradicións, linguaxe e expresións artísticas que definen un grupo humano ou unha comunidade, diferenciándoa doutras e contribuíndo á súa cohesión e sentido de pertenza.
Exemplo:
A nosa identidade cultural galega reflíctese na nosa música tradicional e nas festas populares.
Bailes e danzas teñen algo en común: son movementos corporais ao ritmo dunha música. O noso propio corpo, e os movementos que facemos con el, sérvennos para poder expresar e transmitir diferentes emocións e sentimentos, polo que esta disciplina relaciónase cas catro dimensións da expresión corporal das que falabamos: expresiva, comunicativa, creativa e estética.
Normalmente entendemos o baile como algo máis libre, onde podemos expresarnos ao son dunha melodía movéndonos ao noso gusto. Pola contra, as danzas teñen unha coreografía e uns pasos específicos que deben ser aprendidos e repetidos cada vez que esta se leva a cabo.
Outra diferenza é que os bailes modifícanse e cambian segundo avanzan as diferentes épocas, axustándose aos novos ritmos musicais que soan no momento (pop, rock...). No caso das danzas, estas sempre se manteñen iguais pois elas son unha ferramenta que nos permite transmitir a nosa cultura a través do tempo.
Non obstante, estas son pequenas diferenzas que remarcamos para facilitar a súa comprensión. Na práctica real, danza e baile poden considerarse como iguais e incluso sinónimos.
Sabes cal é a danza tradicional galega? Efectivamente, a muiñeira!
Por que é tan importante a coordinación no baile e nas danzas? Para as actividades físicas, xa sexa baile ou calquera outro deporte, esta cualidade é moi necesaria, xa que permite realizar movementos de forma áxil e harmoniosa.
Na danza, a coordinación é a capacidade de realizar movementos corporais de diversa dificultade para crear movementos axeitados seguindo un ritmo marcado pola música. É dicir, axustamos as accións que facemos cas partes do noso corpo, a un tempo e a unha velocidade que veñen marcados por unha melodía.
A coordinación segue sendo un exercicio consciente do corpo e pode mellorarse mediante a práctica e a repetición de certos movementos (a práctica fai ao mestre). O teu corpo tamén pode utilizar outras capacidades físicas como forza, resistencia, flexibilidade e velocidade para realizar diferentes tipos de movementos.