As nosas capacidades físicas
Pero, como podemos superar con máis facilidade estes obstáculos?
Os seres humanos, ademais de ir aprendendo habilidades a medida que medramos, temos unhas capacidades físicas que nos permiten facer moitísimas actividades, entre elas superaren desafíos e obstáculos. Son as nosas capacidades físicas básicas (CFB) e se as traballamos melloran e melloran, e permítennos facer cousas cada vez máis complexas, algunhas mesmo incribles. As CFB son as seguintes:
Forza
Flexibilidade
Resistencia
Velocidade
A forza é a nosa ferramenta para superar obstáculos físicos (contrarrestar outras forzas, por exemplo a gravidade) e mentais. Permítenos soster ou mover obxectos pesados e vencer a gravidade. Cando collemos unha mochila, levantamos unha caixa ou empurramos un coche avariado... estamos usando a nosa forza. Lembra que a forza tamén está na túa mente: cando tes vontade e persistes nas tarefas, podes facer case calquera cousa.
A flexibilidade é a capacidade que temos de estirar e mover os nosos músculos e articulacións. Canto máis estiren os músculos, máis movementos amplos poderán facer e conseguirán exercer mellor a forza e cansarse menos. Lembra que é importante manter os músculos flexibles para evitar lesións.
A resistencia é a batería do corpo. Permítenos xogar e facer esforzos durante moito tempo sen cansarnos. Cando subimos escaleiras, xogamos ao fútbol ou camiñamos longas distancias, estamos a usar a nosa resistencia. Se a traballamos ben, é como ter unha batería inesgotable para superar calquera reto.
E por último, a velocidade, que se basea no rápido que somos capaces de reaccionar, de facer movementos ou xestos, e de desprazarnos dun lugar a outro no menor tempo posible.
Lectura facilitada
Hai 4 capacidades físicas básicas:
1. Forza: capacidade que permite superar obstáculos físicos e mentais.
Grazas a ela podemos levantar unha caixa, por exemplo.
2. Flexibilidade: capacidade de estirar e mover os nosos músculos e articulacións.
3. Resistencia: capacidade que permite manter esforzos durante un tempo prolongado.
Grazas a ela podemos camiñar ou correr grandes distancias, por exemplo.
4. Velocidade: capacidade de realizar un esforzo o máis rápido posible.
Desprazarnos dun lugar a outro no menor tempo posible sería un exemplo.