Saltar navegación

3.1. Un mundo feito para todas as persoas?

 

Glosario

Empatía

Pictograma que representa Empatía

Definición:

Identificar sentimentos ou estado de ánimo doutra persoa. Poñerse en lugar de outra persoa. 

Exemplo:

Un bo médico debe amosar empatía e capacidade para comprender ao paciente.

Independencia

Pictograma que representa Independencia

Definición:

Que non depende dunha persoa ou cousa.

Exemplo:

Como é independente vai só á escola.

Servizos comunitarios

Pictograma que representa Servizos comunitarios

Definición:

Actividades que se realizan sen ánimo de lucro e en beneficio das persoas dunha comunidade en particular.

Exemplo:

Comecei a realizar traballos comunitarios acompañando a persoas maiores.

Un mundo feito para todas as persoas?

Viches que ao longo da nosa vida íamos ter que superar moitos obstáculos pero... tantos?

Hai moitas persoas que, polas súas características, teñen que superar moitísimos máis no seu día a día. As barreiras arquitectónicas dificultan a súa independencia para acceder, moverse ou chegar a espazos e servizos comunitarios. As persoas que deseñaron as cidades, os parques, os edificios… non o tiveron en conta? ou equivocáronse ao facelos desta maneira?

A empatía é esencial para que o mundo sexa máis solidario, mais respectuoso e igualitario.

Ides intentar poñervos no lugar dunha persoa con discapacidade vendo, no seguinte vídeo, como pode ser parte dun día da súa vida.


 

Queres saber máis sobre as barreiras arquitectónicas?

Cando falamos de barreiras podemos encontrarnos varios tipos:

  • As urbanísticas, están en vías de circulación e espazos libres de uso público. Algúns exemplos son: unha beirarrúa moi estreita que impide o paso cunha cadeira de paseo ou o desnivel que existe entre as beirarrúas e o paso de peóns.
  • As de edificación, son as presentes no interior das casas, restaurantes, cafeterías... nalgúns destes lugares non se pode acceder máis que por unhas escaleiras e non teñen unha rampla ou por exemplo os baños están no primeiro piso e non hai ningún ascensor para acceder a os mesmos. 
  • As de transporte, son as que entorpecen ou impiden ás persoas usuarias o uso do transporte público. Nalgunhas paradas de tren ou de autobús, aínda quedan lugares que impiden o acceso ou, por exemplo, os buses e trens que aínda non teñen rampla para acceder aos mesmos.
  • As de comunicación, son as que dificultan ou non permiten a recepción de mensaxes para algún tipo de persoa con discapacidade. Por exemplo, semáforos sen son, ascensores sen botóns en braille, ou espazos sinalados sen pictogramas.

Analizamos os espazos onde xogamos

Parque de calisteniaAínda que pouco a pouco a contorna vaia mellorando, xa viches que moitos lugares e espazos aínda non son seguros ou non están habilitados para todos.

E os espazos onde xogas? Son seguros? Crees que neles existen algunhas barreiras? Cales identificas? E sobre todo, tes ideas para solucionalas?

Ides realizar unha investigación de campo. O obxectivo será analizar algunha zona onde adoitades xogar (do patio, da contorna, parques próximos, da túa aldea ou da cidade) e ver se están ou non adaptados e o porqué. Levaredes unha ficha que vos axudará a facelo. Podedes descargala na seguinte ligazón:

Acceso ao documento: É un espazo accesible? (.pdf)

Acceso ao documento en formato para editar: É un espazo accesible? (.odt)

Serven para practicar corda e parkour? Están en bo estado? Podes traballar moitas habilidades nos mesmos? Son accesibles para todos e todas? Imos descubrilo!

Lectura facilitada

Ides realizar unha investigación de campo.

Analizade unha zona onde xoguedes habitualmente.

Reflexionade se está adaptada para todo tipo de persoas ou non.

Seguide a ficha guía para completar os datos.

Instrucións para realizar a ficha

Observa o espazo e, se é posible, visita o lugar para examinar mellor o seu deseño e características. Lembra que cada persoa pode percibir as barreiras arquitectónicas de maneira diferente, é dicir, que o que para ti non é un problema, para outra persoa igual si.

Utiliza a túa empatía e intenta poñerte no seu lugar.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)