Saltar navegación

1.1. A vida e os obstáculos

 

Glosario

Afrontar

Pictograma que representa Afrontar

Definición:

Facerlle fronte a unha situación arriscada, complicada ou difícil para asumila ou buscarlle solución.

Exemplo:

Afrontar os retos físicos con determinación fortalece tanto o corpo como a mente.

Obstáculo

Pictograma que representa Obstáculo

Definición:

Cada un dos elementos (valos, muros etc.) que as persoas participantes de determinadas probas atléticas deben superar durante o percorrido.

Exemplo:

Superou nove obstáculos antes de chegar á meta.

Parkour

Pictograma que representa Parkour

Definición:

Actividade deportiva que se realiza en contornas urbanas que consiste na superación de obstáculos no camiño, como desniveis, escaleiras, bancos etc., mediante saltos, pinchacarneiros ou outros movementos.

Exemplo:

A través do parkour desafiamos os nosos límites para superar obstáculos.

Rubir

Pictograma que representa Rubir

Definición:

Subir a un lugar, valéndose das mans e das pernas.

Exemplo:

As persoas son capaces de rubir ás árbores.

A vida e os obstáculos

Os seres humanos levamos toda a vida superando obstáculos. Dende que somos pequenos, aprendemos a gatear, a correr, a saltar e a rubir polas árbores… Cada vez que superamos un obstáculo, sentímonos máis fortes, máis áxiles e con máis confianza. Fainos crecer como persoas.

Pero non todos os obstáculos son iguais, hainos físicos e hainos mentais. Algúns poderémolos superar sós e para outros necesitaremos axuda. Algúns poderémolos evitar e outros non quedará outra que afrontalos.

Nesta situación de aprendizaxe, melloraremos as nosas capacidades físicas a través da corda e do parkour. Prepararémonos para poder superar obstáculos e discorreremos como realizalo de maneira creativa. Comeza... Saltando barreiras!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)