7. Glosario

F

  • Facebook      

É unha rede social de internet que fundou o 4 de febreiro de 2004 Mark Zuckerberg mentres estudaba en Harvard. Nun primeiro momento o acceso estaba limitado aos propios alumnos da universidade, progresivamente ampliouse a alumnos doutras universidades. Máis adiante a rede ampliouse a calquera estudante universitario, dos institutos e na actualidade calquera persoa maior de 13 anos cunha conta de correo electrónico pode rexistrarse. Hoxe en día conta con 120 millóns de usuarios activos que se poden organizar en grupos e unirse a redes concretas, relacionándose segundo a súa situación xeográfica ou académica.

O seu nome provén do costume que existe en moitas universidades norteamericanas de darlles aos alumnos á súa chegada un libro con fotografías dos alumnos e profesores desa universidade e que recibe o nome en inglés de Facebook, literalmente libro de caras. Existen versións do sitio en diversas linguas, entre elas o galego.

 

G

  • Google

Google Inc. é a empresa propietaria da marca Google, cuxo principal produto é o motor de procura do mesmo nome. Foi fundada o 27 de setembro de 1998 por Larry Page e Sergey Brin (dous estudantes de doutoramento en Ciencias da Computación da Universidade de Stanford).

Malia ser o buscador o seu principal produto, a empresa ofrece tamén entre outros servizos un comparador de prezos chamado Google Product, un motor de procura para material almacenado en discos locais, Google Desktop Search, e un servizo que revolucionou o mundo do correo electrónico gratuíto chamado Gmail, o cal dispón para os seus usuarios máis de 6,5 GB (marzo de 2008) de espazo e vai aumentando constantemente a razón de 4 bytes por segundo. Tamén é famoso o seu programa Google Earth, mapamundi con imaxes de alta resolución. Recentemente lanzou a súa versión beta de mensaxaría instantánea Google Talk.

En outubro de 2006, Google adquiriu por 1.650 millóns de dólares a famosa páxina de vídeos YouTube. En abril de 2007 mercou DoubleClick, unha empresa especializada en publicidade en Internet, por 3.100 millóns de dólares. Ese mesmo mes, Google converteuse na marca máis valiosa do mundo. En xullo de 2007, Google comprou Panoramio, un sitio web dedicado a exhibir as fotografías que os propios usuarios crean e xeoposicionan, sendo algunhas delas subidas ao sitio para que poidan ser vistas a través do software Google Earth, cuxo obxectivo é permitir aos usuarios do mencionado software aprender máis sobre unha zona específica do mapa, observando as fotografías que outros usuarios tomaron alí.

O 11 de xuño de 2008, Google recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades por impulsar unha "xigantesca revolución cultural" que permitiu o "acceso xeralizado ao coñecemento".

  • Google books         

Na actualidade, este servizo de Google que posibilita a consulta de libros en liña xa dispón dun catálogo en galego, xa sexan clásicos ou escritores e escritoras actuais.

 

S

  • Software  libre              

Segundo a Free Software Foundation (FSF), o software libre está formado polos programas que teñen unha licenza que dá a todos aqueles que reciban unha copia do programa as seguintes liberdades:

  • Liberdade para executar o programa, con calquera propósito.
  • Liberdade para estudar o seu funcionamento e adaptalo ás súas necesidades; unha condición a priori para isto é ter acceso ao código fonte.
  • Liberdade para redistribuír copias e así poder axudar o veciño.
  • Liberdade para mellorar o programa e publicar as melloras, beneficiándose así toda a comunidade. Tamén é condición a priori para isto ter acceso ao código fonte.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License