1 - Introdución

Descrición da unidade didáctica

Esta unidade denomínase Emprego das tecnoloxías da información e da comunicación. É recomendable que diariamente traballe con ela entre unha e dúas horas.

  • Ademais, debe ter en conta as seguintes puntualizacións:
    • A unidade contén textos e exercicios en galego e castelán, separados en dúas partes ben diferenciadas. Ambas as linguas, xunto coa estranxeira, intégranse no ámbito da comunicación.
    • A unidade consta de dous tipos de textos ou contidos: uns que levan a etiqueta de "aspectos teóricos", que son os que debe comprender e memorizar, e outros que carecen desa etiqueta, que son os que debe ler, comprender e comentar.
    • Os contidos e exercicios van clasificados en bloques ou partes, relacionados con distintos aspectos do estudo da lingua: comunicación oral, comunicación escrita, coñecemento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria.
  • Logo de rematada a unidade deberá ser quen de:
    • Comprender e valorar a importancia das novas tecnoloxías na súa educación, a súa importancia no mundo laboral e na vida moderna en xeral.
    • Comprender textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como mensaxes de chat e correo electrónico.
    • Comprender textos do ámbito académico, atendendo especialmente aos de carácter instrutivo (webs educativas, informacións de dicionarios, glosarios e enciclopedias).
    • Aplicar correctamente os contidos básicos de ortografía: acentuación (II).
    • Empregar axeitadamente os contidos básicos de ortografía: h, b/v, c/z.
    • Coñecer a clasificación semántica da oración simple segundo diferentes criterios.
    • Recoñecer e usar coherentemente as perífrases verbais.
    • Coñecer a formación do galego e as etapas da súa historia social durante os Séculos Escuros ata o século XVIII.
    • Localizar en bibliotecas virtuais obras literarias pertencentes ao período estudado.
    • Coñecer e ler obras relacionadas cos grandes períodos e autores da literatura do Renacemento en lingua castelá.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License