2.9 Historia da lingua galega: do latín ao galego cordial

Lea o texto de Pepe Carreira sobre a historia da lingua galega; nel, fai un percorrido en clave de humor pola evolución e a consideración do galego ao longo dos séculos.

 

 pepe

Tiña que ser. Logo de tanto lustre, tiña que vir a noite. Un día do século XV púxose o sol polo occidente, coma sempre, máis esta vez non volveu saír até varios séculos máis tarde: falando en termos técnicos, Galicia entrou en recesión. E, como é sabido, ao se vir abaixo a economía, cae todo. A literatura tamén. Primeiro perdeu o ritmo lixeiro das cantigas e finalmente desapareceu. Xa ninguén escribiu máis en galego. Falar , si. A xente seguiu falando galego, porque, rico ou pobre, un pais normal segue a falar igual que sempre. De momento, bispos e feirantes non cambiaron de idioma. Máis por pouco tempo.

Castela non perdeu a ocasión. Viu Galicia abaixada e ordenou entrar nela até a cociña. Foi no século XV, famoso século no que a raíña Isabel de Castela e o rei Fernando de Aragón ampliaron os seus dominios até as Novas Indias. E –xa o dixo Nebrija – como a lingua do imperio acompaña o imperio alá onde for, o castelán impúxose en Galicia. Os feirantes seguiron a falar galego, máis os bispos xa non tanto.

O galego desapareceu dos documentos oficiais, porque, a partir de agora debían estar redactados en castelán. Neste ambiente, moitos nobres galegos, para faceren mellor as súas carreiras, pasáronse á lingua da meseta.

Coa economía polo chan e sen poder político para a corrixir, o can galego seguiu enfraquecendo e enchéndose de pulgas. Os labregos galegos, marcharon a traballar a Castela. Con tan mala sorte, que o reino da meseta estaba naquela altura en pleno Século de Ouro, con Lope de Vega, Quevedo, Calderón, Góngora ou Tirso de Molina... E entre xente tan afamada, a miseria dos inmigrantes galegos aínda destacaba máis. De maneira que comezaron as burlas: “gallego en el sentido peyorativo de la palabra” e outros piropos.

Agora xa non só a lingua era considerada inferior polos propios falantes, todo o que fose galego ou tivese relación con Galicia era automaticamente considerado inferior.

Non hai mal que cen anos dure, aínda que algúns, como o que nos ocupa, durou trescentos. No século XVIII a economía galega saií da crise. Apareceron brotes verdes. O millo e as patacas axudaron moito a esta recuperación. E, seguramente, porque co bandullo che medra a autoestima, algunhas persoas cultas comezaron a se interesar polas cousas do seu país, algúns mesmo se puxeron a escribir en galego. Despois de todo, xa estamos no século das Luces. Os feirantes nunca o deixaran de falar. Quen di os feirantes, di o noventa por cento dos galegos.

Sarmiento, Feixoo e outros ilustrados reclamaron a categoría de lingua para o galego, equiparándoa con outros romances.

Extraido de Historia da lingua galega de Pepe Carreiro, ed. A NosaTerra

Actividades Chema

Actividades propostas

S9.  Explique o significado que ten a expresión séculos escuros no texto 2.8.

Actividades Chema

S10.  Despois de ler o texto de Pepe Carreira, faga unha reflexión sobre o que lle aconteceu á lingua galega ao longo da historia. Redacte un texto no que exprese a súa opinión sobre o acontecido.

Actividades Chema

S11.  Se ten acceso a internet, recomendámoslle ver o documental da TVG Lingua de reis, lingua do pobo, pertencente á serie Historias de Galicia (TVG á carta). Axudaralle a comprender mellor a situación da lingua ao longo dos séculos.

Busque tamén información en loia.org, no portal do Consello da Cultura Galega, que se presenta como unha guía en rede para pór ao alcance dos internautas (profesores e investigadores, estudantes e curiosos) interesados polo idioma galego un manual de referencia básica.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License