2.8 Historia da lingua galega: os séculos escuros (aspectos teóricos)

Coñecemos co nome de Séculos Escuros da literatura galega o período abranguido entre os séculos XV e XVIII, que se caracteriza pola case ausencia total de literatura escrita na nosa lingua.

Como inicio desta etapa adóitase dar a data en que o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado, no ano 1483, en Mondoñedo, e como final a data en que comeza a guerra da independencia contra os franceses. Nesta etapa, a lingua galega perde prestixio en favor do castelán e pouco a pouco xorden os prexuízos lingüísticos na poboación, que descoñece o esplendor medieval da súa lingua.

A nosa literatura queda así á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta etapa máis escura co Século de Oro da literatura castelá. Conservamos, porén, algunhas cartas, documentos e escasas mostras literarias que nos permiten coñecer a lingua da época. Paralelamente a este baleiro de literatura erudita, mantense a lírica popular en forma de cantigas de berce e de cego, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas, etc. Moitos deles chegaron ata hoxe por transmisión oral.

No século XVIII xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Créanse organismos como as Sociedades Económicas de Amigos do País e a Academia de Agricultura do Reino de Galicia.

Entre este minoritario grupo de intelectuais despunta con forza a figura de Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético –naturista, lingüista, bibliófilo... – que defendeu o uso do galego no ensino, na Administración e na Igrexa, é dicir, a súa normalización como lingua propia dos galegos. Participan tamén o Padre Feixoo, o primeiro en rexeitar a condición de dialecto para o galego, e o Padre Sobreira, continuador do labor lexicográfico de Sarmiento. A súa obra constituíu a primeira chamada de atención dunha problemática lingüística que se manifestará en toda a súa extensión na segunda metade do século XIX.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License