2.9 Amor dos quince anos, Marilyn
-
María agardou, coa cara pegada aos vidros da fiestra, ata que o coche do policía se perdeu na última volta da estrada e desapareceu da súa vista. Logo, afastouse da ventá, recolleu a cafeteira e as tazas que había encol da mesa, e levou todo ata o vertedoiro da cociña. Aínda estaba en tensión, despois daquela entrevista na que fixera esforzos por aparentar unha normalidade que distaba moito de sentir. Tiña a seguridade de que o inspector non sospeitara nada, de que marchara coa sensación de ter perdido o tempo, logo dun diálogo cheo de preguntas e respostas previsibles. Pero temía que Xoán, o seu home, reparara nalgún detalle que o fixese sospeitar e o levase a continuar coa conversa, aproveitando calquera pretexto.
Mentres lavaba as tazas, os pratiños e as culleriñas, e secaba todo meticulosamente, lembrou o xogo de preguntas e respostas que se acababa de producir entre ela e mais o policía. As palabras volvían agora á súa mente, coma se lle quedasen gravadas no cerebro e unha forza a obrigara a reproducilas, quizais para comprobar se houbera algún fallo ou algunha contradición que a delatase nas súas respostas [...].
Fernández Paz, Agustín, Amor dos quince anos, Marilyn, Xerais, Vigo, 1995.
Actividades propostas
S12. Lea o texto detidamente e responda ás cuestións:
- Nas seguintes oracións tomadas do texto, subliñe con cores diferentes o suxeito, o predicado e os núcleos verbais de cada predicado.
María agardou.
O coche do policía perdeuse na última volta da estrada.
O inspector non sospeitara nada.
As palabras volvían agora á súa mente.
- Nas seguintes oracións do texto localice e subliñe os complementos que forman parte do predicado e diga que tipo de complementos son.
María recolleu a cafeteira e as cuncas.
Lembrou o xogo de preguntas e respostas.
Afastouse da ventá.
S13. Nas seguintes oracións diga que función desempeña o pronome átono subliñado (CD ou CI):
-
Quérote moito. ( ).
-
Non me trouxo o encargo. ( ).
-
Cada bocado que traga sábelle aínda máis mal. ( ).
-
Xan viuno en clase. ( ).
S14- Nas seguintes oracións localice os complementos circunstanciais.
-
Lavei a roupa coas mans.
-
Mañá irei ao cine con Ana.
-
Onte cheguei tarde ao traballo.
-
Merquei o coche con tres mil euros.
S15- Subliñe o atributo nas seguintes oracións.
-
O neno estaba peiteado.
-
O home estaba espido.
-
Aquela muller era ferrolá
-
A cantante estaba afónica.
Pode atopar máis exercicios nesta páxina:
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License