2.12 O río Tins

Este río é o máis importante do concello, non tanto pola súa lonxitude, igual que o Donas, nin polo seu caudal, o maior de todos os que percorren Outes, senón por ser o que articula o seu territorio.

O río, que nace en termos de Mazaricos, onde lle chaman Río de Santabaia, xa baixa ben cargado de auga polas barranqueiras de Chacín antes de recibir a importante achega acuífera do Río Denosiño, que é o que forma a espectacular fervenza de Santa Leocadia. (…) Pero ademais arrastra grande cantidade de arxilas, areas, gravas e cantos que vai arrincando das lousas, os xistos, os gneis, as areíscas e cuarcitas que conforman a lingua de rochas metamórficas que penetra desde as terras de Santa Comba ata o inicio do val do río, polo que este se foi abrindo máis facilmente camiño a través delas que entre as rochas graníticas, máis duras, que predominan na costa galega.

(…) Transita, por este fértil val, o Río Tins, cambiando segundo as estacións:

No verán, refulxe a súa superficie espellando os raios de sol que penetran intermitentemente polas innúmeras aberturas que o manto perenne de follas apertadas deixa na bóveda arbórea que cobre o seu palpitante curso e escintilan como alfinetes dourados os reflexos de luz no fondo das sombrizas devesas.

No outono interpretan unha sinfonía acuática as pingas da chuvia repenicando sobre o cristal da auga, tamborilando nos seixos e arrancando acordes vibrantes ao premer as altas herbas, ao tempo que o vento asubía entre as copas.

No longo inverno faise un silencio trémulo arredor do río para que no aire só resoe o brado paralizante da irrefreable corrente que, cal besta xurdida dos infindos caborcos de Chacín, pasa ruxindo entre as casas da Serra (…).

Na primavera, a sinfonía musical do outono convértese en puro espectáculo de luz, cor e son: locen como nunca os verdes prados, sementados de centos de vermellos amorodos, zoan as redivivas abellas entre as brancas inflorescencias dos sabugueiros, as margaridas, os pampillos amarelos, as púrpuras campaíñas e as violetas, cruzan escintilando, dun tremo a outro, os polícromos cabalos do demo (…).

Mariño, Xoán X., O Río Tíns, en Terra de Outes, Revista da A.C.C., nº3, xullo 2008

Actividades propostas

S17- Lea o texto (O río Tins) e responda ás cuestións:

  • Coa axuda do dicionario busque o significado das palabras do texto que están en negra: arxilas, xistos, escintilan, alfinetes, repenicando, seixos, brado, amorodos, polícromos.
  •  Que obxecto ou ser se describe neste texto?
  •  Que tempos verbais predominan no texto (presente, pretérito...)?
  •  Que clase de palabras son as máis utilizadas (substantivos, adxectivos, adverbios...)? Por que?

 S18. Lea este texto tomado da obra Os dous de sempre, de Castelao.

 

A tía Adega vive nunha casa pequerrecha, sempre ben encaleada, cunha balconeta de madeira entre dúas fiestras xemelas e unha porta de dúas follas. A casa ten fisionomía de moneco, con ollos, nariz e boca, e logo un caparuchete de tellas na cabeza. Cando a tía Adega cerra unha fiestra, a casa chisca un ollo.

Rodríguez Castelão, Alfonso, Os dous de sempre

  • Escriba coas súas palabras e sen copiar o texto como era a casa da tía Adega.

  • Con que compara o autor a casa?

  • Por que di que a casa chisca un ollo?

S19- Neste texto, o gran escritor francés Honoré de Balzac describe o pai da protagonista da súa obra Eugène Grandet. Léao e responda ás cuestións.

No físico, Grandet era home de cinco pés, repoludo, cadrado, cunhas pernas de doce polgadas de circunferencia, grandes rótulas e anchas costas; a súa cara era redonda, curtida e marcada pola varíola; a súa barba era recta, os seus labios non ofrecían ningunha sinuosidade e os seus dentes eran brancos; os seus ollos tiñan a expresión tranquila e devoradora que o pobo atribúe ao basilisco; a súa fronte, chea de engurras transversais, non carecía de significativas protuberancias; e os seus cabelos, louros e brancos... O nariz, gordo pola punta, sostiña un vulto listado que, segundo dicía o vulgo, e non sen razón, estaba cheo de malicia. Esta cara anunciaba esa astucia perigosa, esa fría probidade e ese egoísmo do home afeito a concentrar os seus sentimentos no único ser que lle foi sempre querido, a súa filla Eugène, a súa única herdeira. Por outra parte, a actitude, os modais, o paso, todo nel confirmaba esa crenza en si que dá o costume de comprobar que un sae sempre airoso das súas empresas; así, pois, aínda que o señor Grandet era, en aparencia, home de costumes sinxelos e efeminados, tiña un carácter de ferro.

Honore de Balzac, Eugène Grandet

  • A quen se describe neste texto? Describa só características físicas ou tamén trazos morais del?

S20- Redacte á man ou mediante un procesador de textos un texto de carácter descritivo sobre unha persoa do seu ámbito que coñeza ben. Descríbaa física e psicoloxicamente. Primeiro, debería dar unha impresión xeral e logo pasar aos detalles. Máximo, quince liñas. Pode axudarse destas indicacións:

    • Contorno da face: ancho, estreito, ovalado...
    •  Ollos: cor, tamaño, forma (avultados, estirados...)
    •   Boca: curvatura, beizos (grosos, sensuais, finos...)
    •  Nariz: tamaño, forma (recto, chato, aquilino...)
    •  Orellas: posición, tamaño, forma...
    •  Fronte: ampla, despexada, estreita...
    •  Aspecto xeral: altura, robustez, peso...

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License