2.14 A serea grega

Cando espertei xa lle sobraba un algo ás doce, e xa tiña na mesa o caldo botado, e el era ben do meu gusto aquel caldo de cabazo doce que facía a señora Marcelina polo outono; tanto me sabía, que adoitaba recuncar. Pasei unha hora en contarlles a historia de don París e a cativa de Tule, e aínda seguiría se non chamara por min o meu señor amo, canto máis que estaba ó meu carón pelando castañas a miña Manueliña de Carlos e parecía que me espertaba os párrafos con aquel seu mirar que en min pousaba; estampa de merlo debía de facer eu, tal cando o paxaro namora á merla co asubío do seu canto... Acudín ó mando e estaba don Merlín con Xosé do Cairo pondo no medio e medio da cámara a tina grande da colada, que era a metade dun bocoi valdorrano de doce cántaras, e viñera botar unha man a costureira de Pacios, que se puxo a colgarlle á tina unha faldra de pregues, dunha tea moi lucida e floreada en verde e rosa. Baixou mi ama dona Xenebra a mirar aquela función, e cando Xosé do Cairo e servidor demos mediada de auga a tina, a señora verteu nela un pomiño de alcanfor que recendía a canela. Don Merlín estaba contento e risoño, e botou números no encerado e díxolle a dona Xenebra, que tamén sorría:

Se non engordou máis de dúas libras, ten na tina a auga xusta para que non verta nin unha cullerada.

De seguida souben, e non houbo outra conversa en Miranda aquel serán, que agardabamos unha serea grega, de nome dona Teodora, a quen lle morrera un vizconde portugués que tiña por amigo, e coa coita quería pasar a un mosteiro destas féminas que hai asolagado na lagoa de Lucerna, e viña para que mi amo lle botase as proclamas no Tribunal de Ponte Matilde na cidade de Ruan, que é o que rexe estas anabolenas, e lle tinguise as escamas da cola de loito dobrado.

Non lle bote vosa mercé loito perpetuo —dixo dona Xenebra a mi amo—, que calquera día se dá por arrepentida e igual cata en Lucerna novo namorado.

Nesto estou —respondeu don Merlín—, que non é doado que estas perdan o puteo, aínda que figuren de conversas. Unha coñecín que se quería envelenar porque lle morrera tamén o amigo, tiple segundo que fora na Capela Romana, e a dona serea dicía que non podería vivir sen aquel dúo que facían, e os tallaríns que o seu home lle cociñaba os domingos. Mandoume recado escrito pedíndome un xarope resolutivo e, cando lle mandei dicir que non, xa estaba amancebada co axudante de Mariña de Honfleur, quen lle puxo unha cetárea, e daquela a hoxe xa mudou máis de catro capataces, e todos con cama desfeita, perdoando. ¡Inda me quixo trasegar a min un verán en que fun ó areal de Calais a tomar un pediluvio! [...]

Cunqueiro, Álvaro, A serea grega, en: VVAA, Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega. Galaxia, Vigo, 1993

 

Actividades propostas (textos 2.13 e 2.14)

S21- Lea o texto e identifique nel os elementos fundamentais do relato literario. Póñaos por escrito: narrador, personaxes, acción (estrutura), espazo e tempo.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License