2.3 A pascua de Kamil Moravék

Kamil Moravék era máis ben unha persoa introvertida. Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Unha vez incluso namorou. Dunha loura. Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos. Quixo darlle o seu regalo, mais non foi capaz de xuntar folgos e só puido tatexar que facía fresco. Logo, el só, foinos comendo, pero facíanselle amargos na boca e por iso botou o resto ao sumidoiro. Como era sensible, a partir de entón só mercou bombóns.

Durante algún tempo, namorouse de Kamil Morávek a loura que vivía enfronte. Amosáballe o seu agarimo e fíxolle perder a cabeza. Un día tentou apertalo pero Kamil ceibouse dela, fuxiu á súa casa, pechouse e tirou dos pelos porque a loura de enfronte gustáballe moito.

Despois dalgúns meses decidiu pedirlle perdón. Buscouna, mais xa era tarde. Xa era nai e o seu marido mirouno con mala cara. Dende entón, Kamil só amaba de xeito platónico e moi de vez en cando [...].

Suchý Jiří, Cen contos, ou sexa, un plan incumprido, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2000

 

 

Actividades propostas

S2.  Lea o texto. Identifique agora algúns dos elementos que favorecen a súa cohesión textual e anóteos: pronomes, sinónimos, expresións explicativas, xerundios e participios.

  • Subliñe os pronomes que aparecen neste fragmento: Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos.
  • Tamén se utiliza no texto a elipse, é dicir, non utilizar palabras que se sobreentenden, nomeadamente o suxeito dos verbos. Localice aquí as elipses: Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Quen se afastaba e axudaba aos demais?

S3.  Redacte un texto de intención literaria (narrativo) mantendo a cohesión textual e utilizando os datos que se lle indican. A extensión máxima é unha cara dun folio; pode redactalo en galego ou en castelán, en soporte dixital.

  • Tema: chegou tarde.
  • A onde?: á empresa en que traballa (mais de noite a empresa non abre).
  • Quen?: Xaime.
  • Que sucedeu?: caeulle un lóstrego; dúas persoas foron testemuñas do milagre, pois Xaime segue vivo; as testemuñas e Xaime comezan unha pelexa.
  • Onde?: na periferia da cidade, ás tres da madrugada.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License