2.8 Funcionamento sintáctico do verbo. Suxeito e complementos (aspectos teóricos)
Suxeito
Na oración gramatical, o suxeito é un substantivo ou pronome que concorda en número e persoa co verbo que acompaña; sintacticamente é o que realiza a acción indicada polo verbo. Para recoñecer o suxeito débeselle preguntar ao verbo quen realiza a acción indicada por este:
Os autobuses pararon pola folga. Quen parou pola folga?: os autobuses.
Os autobuses pararon pola folga
Suxeito Predicado
Predicado
O predicado é o que se di do suxeito. Sintacticamente o verbo é a única palabra que pode realizar a función de núcleo do predicado. Pode estar formado unicamente por un verbo ou por un verbo mais unha serie de elementos que o acompañan, os complementos.
Os complementos máis importantes
-
Complemento directo (CD): é un complemento que obrigatoriamente deben levar os verbos transitivos para completar o seu significado (eu teño un automóbil). O CD non leva preposición excepto cando é un nome propio ou un pronome (vin a Inés).
Para recoñecer o CD dun verbo débeselle preguntar a este que ou que é o amado, querido, regalado… Pódese substituír polos pronomes persoais átonos de CD (ver punto 2.16.1 da unidade 4, bloque 2 do módulo I). Exemplo: Eu teño unha casa/Eu téñoa.
-
Complemento indirecto (CI): é a persoa ou cousa que recibe o dano ou proveito da acción verbal (eu escribo cartas a Xabier). Sempre leva preposición, normalmente a.
Para recoñecer o CI dun verbo débeselle preguntar a este a quen ou para quen vai dirixida a acción que indique o verbo. Pódese substituír polos pronomes persoais átonos de CI (ver punto 2.16.1 da unidade 4, bloque 2 do módulo I). Exemplo: Eu escribo unha carta a Antía/Eu escríbolle unha carta.
-
O complemento circunstancial (CC): expresa as circunstancias en que se desenvolve a acción do verbo (Mañá vou ao banco). Ao ser un complemento opcional, para recoñecelo chega con comprobar se ao eliminalo da oración esta segue a conservar o seu significado esencial. Ademais non concorda con ningún elemento da oración.
-
Atributo (Atr.): é un complemento que normalmente aparece cos chamados verbos copulativos (ser, estar, parecer e semellar). Exemplos: María está enferma; O viaxeiro parecía canso.
Outros complementos
-
Complemento de réxime preposicional (ou suplemento): é un complemento esixido por determinados verbos e introducido por unha preposición (por calquera, ata a).
Para recoñecer o complemento de réxime preposicional dun verbo débese substituír ese complemento de réxime por un pronome tónico (ver punto 2.16 da unidade 4, bloque 2 do módulo I) precedido de preposición (acórdome de Pedro/acórdome del). Se a substitución non é posible significa que non se dá un complemento de réxime preposicional.
-
Complemento axente (Cax.): este complemento aparece nas oracións en voz pasivae indica quen realiza a acción do verbo. Exemplo: A estación foi inaugurada polas autoridades; Os mariñeiros foron rescatados por un gardacostas.
-
Complemento predicativo (CPvo): complementa o verbo, o suxeito e o complemento directo (Xela durmiu tranquila toda a noite). Para recoñecelo debemos ter en conta que é unha función realizada por adxectivos e que responde á cuestión Como? feita ao verbo: Como durmiu Xela? tranquila. Ademais o CPvo concorda co suxeito ou co CD. (non confundir co complemento circunstancial de modo, onde quen responde á pregunta como é un adverbio, non un adxectivo).
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License