2.2 A cohesión (aspectos teóricos)
Para construírmos un texto adecuadamente unha das características que debemos cumprir é a cohesión lingüística.
Elementos de cohesión máis utilizados
- Pronomes: permítenos referirnos a alguén ou algo que xa foi nomeado sen repetilo. Por exemplo, Antía é moi boa estudante. Ela sempre aproba todo.
- Cohesión léxica:é o tipo de cohesión conseguida a través da escolla do léxico. É o feito de utilizarmos nun texto as palabras adecuadas ao tema do que se fale. É dicir, se falamos de libros, empregaremos un campo semántico relacionado con ese tema, repetindo palabras, utilizando sinónimos ou hiperónimos. Exemplos:
– O avó deulle vinte euros ao neto para comprar un libro. Mais o rapaz gastounos en lambonadas.
– Había un cogomelo moi grande debaixo daquel castiñeiro. A rapariga arrincou o fungo con coidado e levouno para a casa.
Outros procedementos para compor textos con cohesión adecuada
- Inserción de expresións explicativas: este tipo de explicacións aclara un ou varios conceptos aos que xa se fixo referencia con anterioridade noutra parte do texto. Pódense dar de dous xeitos. Preste atención aos exemplos:
El non estudou nada, é dicir, vai suspender o exame (suspender o exame é consecuencia de non estudar).
El é músico, é dicir, toca un instrumento (aclárase o que é ser músico).
- Uso do xerundio: nun texto o xerundio pode achegar diferentes valores segundo como se empregue (darlle énfase ao dito, prolongar unha acción no tempo, etc.). Exemplos:
– Débese ao celo da Autoridade, quen tendo como ten unha tenda no lugar…
– Sendo galego non debo ser máis que galeguista.
– –Non me amoles, vale, fixen o que puiden. –Sendo así…
– Andando xa.
- Uso do participio: igual que co xerundio, o participio pode adquirir diferentes valores dependendo de como se use. Fíxese nos exemplos (valor expresivo, intensificador…):
– Perdidos un polo outro…
– Ou sexa o troco da carga cargada e virada.
– Como era así do meu corpo, caín na tentación de a pór. Pensado e feito.
– Cando Pedriño saíu do leito parecía un longueirón: chuchado, esgumiado, …
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License