Saltar navegación

3. Cada historia leva a outra

 

Glosario

Caixa do correo

Imaxe dunha caixa do correo

Definición:

Recipiente onde se depositan as cartas que se envían, que pode estar situado na oficina de correo ou noutros lugares  da vía pública. Tamén se lle chama así ao recipiente onde o persoal de correos recolle as cartas para logo repartilas aos seus destinos.

Exemplo:

Fun á caixa do correo e nela recollín as cartas que enviaron os nosos familiares de Francia.

Ilustración

Imaxe dun debuxo

Definición:

Debuxo, gravado, lámina ou fotografía que acompaña, adorna ou documenta un libro.

Exemplo:

O debuxo forma parte das ilustracións da revista.

Que vas facer nesta fase?

Traballo en grupoAgora que xa recordaches o que sabías sobre as linguas da Península Ibérica e sobre os textos narrativos, chegou o momento de que vos poñades mans á obra e comecedes a crear a vosa revista literaria e cultural para xente moza. 

Nesta fase traballarás en equipo para analizar a obra narrativa que escolliches na fase 1. Reflexionaredes en grupo sobre a lectura, comentaredes o seu argumento, intercambiaredes opinións e estudaredes as súas características principais: tipo de narrador, personaxes, espazo e tempo. 

A continuación, cada equipo recollerá nunha recensión os resultados da análise e reflexión común sobre a obra. Nas vosas recensións incluiredes:

  1. Unha breve traxectoria do autor ou da autora
  2. Un resumo
  3. A lista de personaxes principais e de personaxes preferidos
  4. Unha análise do espazo e do tempo
  5. O tipo de narrador
  6. Un comentario das ilustracións
  7. Unha opinión persoal ben argumentada

Despois, escribirás un novo texto narrativo partindo da obra que liches. Poderás escoller entre unha noticia, unha secuela, un final alternativo... 

Tanto a recensión en equipos coma a narración individual publicaranse na revista, co cal é moi importante que estean ben escritos. Por isto, antes de pasar á seguinte fase, revisarás a ortografía, a puntuación e os tempos verbais dos teus textos e corrixirás os erros que poidas atopar. 

Finalmente, aprenderás cales son as diferentes partes dunha carta. Isto é importante porque na seguinte fase terás que escribir unha carta formal dirixida a un instituto doutra comunidade autónoma. Por agora, para practicar, escribiraslle unha carta informal a unha persoa amiga. 

Lectura facilitada

Agora é o momento de crear a vosa revista literaria

Xa lembrastes o que sabedes sobre:

  • As linguas da Península Ibérica.
  • Os textos narrativos.

Agora comezades unha nova tarefa: crear unha revista literaria e cultural para xente nova.

Traballo en equipo

Vas traballar en grupo coa obra que escolliches na primeira parte da unidade.

Que faremos?

  • Ler a obra narrativa.
  • Falar en grupo sobre o que lemos.
  • Comentar o argumento da historia.
  • Compartir opinións.
  • Analizar cousas importantes da obra, como:
    • O narrador
    • Os personaxes
    • O espazo (onde pasa a historia)
    • O tempo (cando pasa)

Escribir unha recensión

Cada equipo escribirá unha recensión, que é un texto onde se comenta unha obra.

Nesa recensión escribiredes:

  1. A vida do autor ou da autora.
  2. Un resumo da historia.
  3. A lista dos personaxes principais.
  4. Os personaxes que máis vos gustaron.
  5. Unha análise dos lugares e da época na que pasa a historia.
  6. O tipo de narrador.
  7. Un comentario sobre as ilustracións.
  8. A vosa opinión, para deixar claro se vos gustou ou non vos gustou a obra.

Crear un novo texto narrativo

Logo escribirás un novo texto baseado na historia que liches.

Poderás escoller entre:

  • Escribir unha noticia.
  • Imaxinar unha continuación da historia (secuela).
  • Imaxinar un final diferente.

Revisar os textos

É importante que os textos estean ben escritos.

Por iso, antes de publicar os textos na revista:

  • Revisarás a ortografía.
  • Corrixirás os erros de puntuación.
  • Comprobarás os tempos verbais.

Escribir cartas

Tamén vas aprender como se escribe unha carta.

Primeiro practicarás cunha carta informal, dirixida a un amigo ou a unha amiga.

Despois escribirás unha carta formal para outro instituto doutra comunidade autónoma.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)