Saltar navegación

3.4. Corrección dos textos

 

Glosario

Adobar

Imaxe de condimentos que serven para adobar

Definición:

Condimentar os alimentos para darlle sabor ou para conservalos. Podemos adobar con distintos ingredientes como o sal, o aceite, a pementa, o ourego, o pirixel, a cebola, o allo...

Exemplo:

Para adobar ben a carne procura botar no adobo moito pirixel.

Cogomelo

Imaxe dun cogomelo

Definición:

Fungo que está formado por dúas partes, un talo alongado e enriba del unha  parte máis grosa en forma de chapeu. A tempada de fungos é no outono e hainos que son comestibles e outros que non o son. Poden recibir outros nomes: chouparro, cogorda, cogordo, pan de cobra, pan de raposo, pan de sapo...

Exemplo: 

Fun coa miña avoa apañar cogomelos ao monte.

Curral

Imaxe dun curral

Definición:

Lugar valado preto ou a carón da casa de labranza destinado a almacenaxe de apeiros de labranza ou outras pertenzas e onde poden andar os animais domésticos ceibes. No curral pódese almacenar leña, palla, toxo...

Exemplo: 

As galiñas témolas no curral porque así non escapan.

Maicena

Imaxe dun paquete de maicena e ao lado fariña de maicena

Definición:

Fariña de millo que posúe unha textura moi fina e é de cor branca. É unha fariña moi axeitada para a repostaría e con ela pódense facer moitas sobremesas. O nome desta fariña procede da marca rexistrada Maizena.

Exemplo:

Teño que mercar maicena para facer unha torta para o aniversario da avoa.

Prebe

Imaxe botando o prebe nunha comida

Definición: 

Adobo en forma de líquido ou crema que se lle bota á comida para darlle máis sabor e que pode estar elaborado con distintos ingredientes. Tamén se denomina prebe o zume que desprende a comida cando a estamos cociñando. Son palabras sinónimas chorume, mollo ou salsa.

Exemplo:

A comida sempre mellora cun bo prebe.

E se melloramos os textos?

Neste apartado achegarémonos a varios aspectos gramaticais e tamén presentaremos algunhas estratexias para organizar o discurso.

Que imos facer?

Imos practicar os seguintes aspectos:

• O emprego dos signos de puntuación básicos (coma, punto e dous punto)

• O uso das formas verbais (conxugación verbal, concordancia no uso dos tempos...)

• Os conectores discursivos

Que pretendemos conseguir?

Con isto poderás:

• Aprender a corrixir os propios textos 

• Coñecer como organizar os elementos no  discurso

• Mellorar as producións escritas (individuais e colectivas)

Que ferramentas usamos?

Podemos utilizar para mellorar as nosas producións varias ferramentas:

• Dicionarios en liña como: o Dicionario da Real Academia Galega (RAG), Digalego ou o Dicionario de Rinoceronte Editora castelán-galego

• Correctores en liña como OrtoGal

• Tradutores como: Opentrad, Traducíndote ou o Tradutor automático da Xunta

• Procesadores de texto como LibreOffice en galego

• E ademais outros manuais de consulta, por exemplo, unha enciclopedia da biblioteca.

Os signos de puntuación básicos: a coma, o punto e os dous puntos

Para redactar é moi importante atender á puntuación do noso texto. A continuación presentamos unha serie de regras para aprender a usar correctamente a coma, o punto e os dous puntos.

A coma

A coma (,) serve para marcar unha pausa breve no enunciado. Úsase nos seguintes casos:

• Para separar os elementos dunha enumeración, agás o último termo, que pode ir precedido das conxuncións e, nin ou ou: Van ir Xoán, Ana, Pedro e Xiana.

Cando queremos nomear a alguén: Micaela, anda amodo!

• Cando a subordinada vai antes cá principal: Cando veñas, falamos detidamente.

• Ao omitir o verbo: A miña irmá é moi falangueira, eu non quedo atrás.

• Coas expresións en primeiro lugar, finalmente, é dicir, por tanto...: Son de Mondoñedo, é dicir, son mindoniense.

• Nas aclaracións dentro dunha oración: Rosalía de Castro, que foi unha escritora do século XIX, escribiu Follas Novas.

• Para separar o lugar e a data nas cartas ou outros documentos: Monforte, 15 de xaneiro de 2025

• Nos enderezos úsase para separar o nome da rúa, praza ou lugar do número: Rúa Castelao, 39

Lembra que a coma vai colocada inmediatamente despois da palabra anterior e déixase un espazo coa palabra posterior.

O punto

O punto (.) emprégase nas pausas longas. Podemos distinguir tres tipos de punto:

Punto e seguido: úsase para separar enunciados dentro do mesmo parágrafo.

Punto e á parte: separa parágrafos dentro dun texto.

Punto e final: indica o final da peza.

• Despois do punto a palabra seguinte comeza por letra maiúscula. Tamén pasa o mesmo cos signos de interrogación (?) e exclamación (!), que ás veces funcionan coma un punto.

Lembra que o punto vai colocado inmediatamente despois da palabra anterior e déixase un espazo coa palabra posterior.

Os dous puntos

• Os dous puntos (:) utilízanse para indicar unha pequena pausa antes do discurso que se presenta a continuación:  Traía moita roupa: unha cazadora, unha bufanda, un xersei e unhas botas de inverno negras.

• Úsanse nas cartas, despois das palabras da cabeceira: Querida mestra:

Úsanse despois dunha cita literal: Ela dixo: "Non quero problemas".

Empréganse antes dunha enumeración: Teño que ir ao supermercado mercar: ovos, patacas, aceite e leite.

Lembra que os dous puntos van colocados inmediatamente despois da palabra anterior e déixase un espazo coa palabra posterior.

A receita ao punto

A continuación temos unha receita de cociña pero a esta fáltanlle os signos de puntuación. Puntúa o texto usando os dous puntos, a coma ou punto e así poderás entendelo mellor.

Receita do polo con cogomelos

Os ingredientes necesarios para cociñar o polo con cogomelos son 1 cebola 2 dentes de allo medio polo de curral en anacos 200 gramos de cogomelos 1 culleriña de fariña de maicena caldo de polo loureiro sal e aceite de oliva

Preparación

1. Primeiramente adobamos o polo e dourámolo

2. Cando estea dourado  retirámolo

3. Na tarteira engadimos cebola e allo picados Deben estar arredor de 15 minutos

4. Despois engadimos os cogomelos cortados en anaquiños

5. Botámoslle viño branco o polo e o caldo Debe estar ao lume durante 20 minutos

6. Finalmente para espesar o prebe engadimos maicena

Activar JavaScript

Os tempos verbais

O verbo

O verbo é unha clase de palabra que expresa acción, movemento, proceso, estado...Os verbos poden ser regulares ou irregulares.

Os verbos regulares manteñen a raíz en toda a conxugación (amar, comer, partir), fronte aos verbos irregulares, nos que a raíz varía (haber, ser...).

O tempo verbal

O tempo verbal indica o momento en que a acción transcorre. Pode ser:

a) Presente: referido ao momento actual: Hoxe vou ao cine.

b) Pasado: referido a un momento anterior: Foi un neno moi durmiñón.

c) Futuro: referido a un momento posterior: Viaxarei o vindeiro mes.

O modo verbal sinala a forma de presentar a acción:

a) Indicativo: refírese a un feito real: A primavera é unha das catro estacións.

b) Subxuntivo: pode referirse a un desexo, dúbida, hipótese...: Oxalá aprobe o exame.

c) Imperativo: indica orde, petición  ou rogo: Vide aquí xa!

A conxugación verbal

Temos tres conxugacións verbais: en -ar (amar), en -er (comer) e en -ir (partir).

Podemos clasificar a conxugación verbal nos seguintes modos e tempos:

a) Indicativo: presente, copretérito, pretérito, antepretérito, futuro e pospretérito

b) Subxuntivo: presente e pretérito

c) Imperativo: presente

A correlación temporal dos verbos

A correlación temporal dos verbos consiste na correspondencia que se establecen entre as formas verbais nun discurso. É dicir, debemos á hora de redactar ter en conta o tempo verbal (presente, pasado ou futuro) e manter unha coherencia ao longo do discurso.

Exemplo: Cheguei tarde porque quedei durmida. Aquí, os dous tempos están en pasado, concretamente en pretérito de indicativo.

A concordancia verbal

A concordancia verbal consiste na relación que hai entre o suxeito e o verbo dunha mesma oración. O suxeito e o verbo deben coincidir no número. É dicir, se o verbo está en singular tamén o estará o suxeito. Así, se o suxeito está en plural, o verbo irá en plural.

Exemplo: Eu son unha alumna de 1º de ESO. Neste exemplo podemos observar que o suxeito (eu) está en singular e o verbo (son) tamén está en singular.

Test SCORM

Pregunta

Cal é a oración correcta?

Respostas

Ela vai ir á xoiería e pode que merque unha alfaia.

Ela vai ir á xoiería e pode que mercará unha alfaia.

Ela va ir á xoiería e pode que merque unha alfaia.

Pregunta

Que oración é correcta?

Respostas

Oxalá chegará axiña.

Oxalá chegue axiña.

Oxalá chegou axiña.

Pregunta

Cal é a opción correcta?

Respostas

Eu xa chegarei cando el chamou por min.

Eu xa chegase cando el chamou por min.

Eu xa chegara cando el chamou por min.

Pregunta

Cal é a opción incorrecta?

Respostas

Irei pasado mañá.

Fun pasado mañá.

Estarei pasado mañá.

Pregunta

Cal é a oración correcta?

Respostas

Oxalá todo irá ben.

Oxalá todo iría ben.

Oxalá todo vaia ben.

Pregunta

Cal é a opción correcta?

Respostas

A xente falan moito.

A xente fala moito.

A xente falaron moito.

Pregunta

Cal é a opción correcta?

Respostas

Oxalá Xela e Roi viñeran.

Oxalá Xela e Roi viñesen.

Oxalá Xela e Roi viñese.

Activar JavaScript

As propiedades textuais

Todos os textos teñen unha orde

Estivemos aprendendo diferentes tipos de textos:

  • A recensión
  • O conto
  • A carta

Cada tipo de texto ten unha estrutura.

Por exemplo, a carta ten unha orde fixa:

  1. Primeiro vai a cabeceira (a data e a persoa a quen se escribe)
  2. Despois vai o corpo (o que queres contar)
  3. E por último, a sinatura

O conto pode ter unha orde diferente, porque a historia se pode contar de forma lineal

De forma lineal significa que se conta desde o principio ata o final.

Normas dos textos

Todos os textos deben seguir unha serie de normas para que o texto se poida entender ben.

Estas normas chámanse propiedades textuais.

Son as seguintes:

  • adecuación
  • cohesión
  • coherencia
  • cohesión
  • gramaticalidade
  • presentación

No seguinte apartado imos definir cada unha delas.

En que consiste cada propiedade textual?

Adecuación

É unha propiedade que consiste en que o texto debe adaptarse á situación comunicativa: no caso da carta, por exemplo, debemos ter en conta a estrutura segundo sexa unha carta dirixida á administración, unha carta a un amigo, unha carta dirixida a outros centros, etc. Tamén debemos ter en conta o rexistro (formal ou informal).

Exemplo: Unha carta a un amigo ten unha estrutura diferente e un saúdo e unha despedida cun grao de formalidade distinta a unha carta enviada polo Concello.

Cohesión

Trata sobre a conexión dos distintos elementos do texto. Para iso, podemos utilizar varios mecanismos: uso de sinónimos, hiperónimos, pronomes, demostrativos, posesivos, repetición de palabras, conectores textuais...

Pero que son os conectores textuais? Poderiamos definilos como elementos de unión que nos axudan a relacionar as ideas dun texto coa finalidade de que teña un sentido completo. A continuación tes unha selección de conectores textuais agrupados por tipos:

Conectores temporais: antes, despois, mentres, a continuación, finalmente, por último...

Conectores espaciais: Ao lado, á beira, á esquerda, á dereita, no interior, arriba...

Conectores de adición: e tamén, ademais, incluso, á parte, así mesmo...

Conectores de  causa-efecto: porque, xa que, pois, por conseguinte, daquela, entón, en efecto, polo tanto...

Conectores de finalidade: para que, a fin de que, co obxecto de, coa finalidade de...

Conectores de oposición / obxección: en cambio, no obstante, porén, en troques, a pesar de que, malia, aínda que..

Conectores de conclusión: finalmente, en conclusión, en consecuencia, en fin, a fin de contas...

Exemplo: Vive á beira do mar. Nesta oración podemos identificar á beira de, que un conector temporal.

Coherencia

A coherencia é unha característica que consiste en presentar a información do texto dunha maneira clara, ordenada, coa información organizada loxicamente e que o texto poida ser posible interpretalo. Non debe haber contradicións. É moi importante que cada parágrafo faga referencia a unha idea.

Exemplo: Era unha persoa moi rica. É dicir, non tiña un can. Nestas oracións hai unha contradición, xa que se dicimos na primeira oración que a persoa é moi rica non podemos afirmar na segunda que non tiña un can.

Gramaticalidade

Podemos definir a gramaticalidade como a propiedade do texto que se centra en que se sigan as normas ortográficas (uso de b/v, os signos de puntuación, os acentos, as maiúsculas...) e tamén do uso correcto das palabras (substantivos, adxectivos, verbos...), ademais do emprego axeitado do léxico.

Exemplo: "A mel" é incorrecto. A frase correcta é "o mel" (é un termo masculino).

Presentación

Nesta propiedade textual debemos atender á limpeza do escrito, á claridade da letra, ás marxes, á división en parágrafos, etc. Isto facilitará a lectura do texto e a súa compresión. 

Exemplo: Ao redactar unha carta debemos evitar os borranchos, coidar as marxes e seguir a estrutura propia da carta.

Agora a escribir!

Redacta no teu caderno unha carta dirixida a un personaxe de ficción que admires (de cine, de cómic, dun videoxogo...) onde lle expliques cales son as calidades polas que admiras ese personaxe. Lembra revisar todo o visto anteriormente (as partes dunha carta e as propiedades textuais).

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)