Saltar navegación

3.3. Novos textos narrativos

Agora que xa coñeces ben as características dos textos narrativos, chegou o momento de que escribas a túa propia obra narrativa. 

Partindo da historia do libro que liches e analizaches nos puntos anteriores, escolle a opción que máis che guste das seguintes e deixa voar a imaxinación!

A) Noticia

Escribe unha noticia sobre algún feito acontecido na historia. 

Lembras as características da noticia?

As noticias son textos xornalísticos de carácter narrativo: nelas cóntanse acontecementos recentes e de interese público. 

Deben ser obxectivas, é dicir, presentar a información con exactitude, sen expresar opinións persoais. 

Xeralmente presentan a seguinte estrutura: 

  • Titular: o título, que aparece cunha letra máis grande e destacada. 
  • Entrada: o primeiro parágrafo da noticia, no que se resumen os datos máis importantes. 
  • Corpo: o desenvolvemento da noticia.
  • Foto e pé de foto

Adoitan dar resposta a cinco preguntas: 

  • Que ocorreu?
  • A quen lle ocorreu?
  • Cando ocorreu?
  • Onde ocorreu?
  • Por que ocorreu?
  • Como ocorreu?

B) Precuela

Imaxina e escribe unha precuela da historia que liches. 

Que é unha precuela?

Unha precuela é unha obra narrativa que relata feitos anteriores aos doutra obra. 

Por exemplo, Ledicia Costas escribiu o libro Escarlatina, a cociñeira defunta e, despois, creou a precuela titulada Esmeraldina, a pequena defuntana que relata a infancia da protagonista. 

C) Secuela

Imaxina e escribe unha secuela para a historia que liches. 

Que é unha secuela?

Unha secuela é unha obra narrativa que relata feitos posteriores aos doutra obra. Sería, para entendernos, unha segunda parte da obra contando novos acontecementos. 

Por exemplo, a obra de Paco Martín Das cousas de Ramón Lamote ten unha secuela titulada Das novas cousas de Ramón Lamote. Na segunda parte, Ramón Lamote xa está xubilado, pero seguen a acontecerlle moitas aventuras extravagantes. 

D) Cruce

Imaxina e escribe un crossover no que se xunten os protagonistas da obra que liches e os doutra historia que a ti che guste (outro libro, unha serie, unha película, un videoxogo...)

E) Diario

Partindo dos feitos que lle acontecen ao protagonista na historia, escribe tres entradas do seu diario persoal. 

Escribir un diario

Un diario é un texto persoal no que o seu autor ou a súa autora vai escribindo o que lle ocorre cada día, os seus pensamentos, sentimentos... 

Xeralmente son textos íntimos e escritos para ser lidos soamente por quen os escribe. 

Con todo, hai diarios que se publicaron e se fixeron moi famosos, coma o Diario de Ana Frank

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)