Saltar navegación

3.1. Análise e opinión do libro

Neste primeiro bloque da fase 3 ides analizar en equipos a obra narrativa que escollestes na fase 1. 

Faredes grupos de 3 persoas atendendo á obra escollida e realizaredes todas as actividades que se propoñen no seguinte bloque. 

A análise que realicedes serviravos para redactar despois a recensión da novela. 

Autoría, editorial e ilustracións

A creación e publicación dunha obra é un traballo colectivo no que interveñen diferentes persoas.

Lede con atención o traballo que realiza cada profesional e, a continuación, realizade a actividade sobre o libro que escollestes. 

Autoría

A persoa máis importante na creación da obra é o autor ou a autora, quen imaxina a historia e a escribe.

Exemplo: Andrea Maceiras, Agustín Fernández Paz e María Reimóndez son dúas autoras e un autor da literatura galega. 

Fotografía da escritora Andrea Maceiras
Fotografía do escritor Agustín Fernández Paz
Fotografía da escritora María Reimóndez

Editorial

Edicións Xerais de Galicia no Culturgal 2014

Os editores e as editoras encárganse de publicar a historia do autor ou da autora.

Antes de publicala, revisan a redacción para que non teña erros e tamén lle dan un formato característico

Finalmente, a editorial publica o libro e encárgase de poñelo á venda nas librarías. 

Algunhas editoriais galegas son Xerais, Galaxia, Aira, Cuarto de inverno, Kalandraka...

Ilustración

Debuxante

Hai moitos libros nos que a historia escrita vai acompañada de ilustracións.

Os debuxos son moi importantes na literatura infantil e a persoa encargada de realizalos é o ilustrador ou a ilustradora. 

Tradución

Tradución

Por último, a historia pódese traducir a outras linguas para que teña unha maior difusión.

Deste traballo encárganse os tradutores e as tradutoras. 

As editoriais adoitan agrupar os seus libros en coleccións, dependendo da idade dos lectores e lectoras ou do xénero literario das obras. Todos os libros dunha mesma colección teñen o mesmo formato.

Actividade

Reflexionade en grupo e contestade no caderno as seguintes cuestións relacionadas co libro que escollestes para ler. 

  • Quen é o autor ou a autora do libro?
  • Buscade información sobre o autor ou a autora e escribide un pequeno texto sobre a súa traxectoria (Entre 5 e 10 liñas)
  • Cal é a editorial do libro?
  • En que colección se inclúe o libro? Que características presentan os libros desa colección?
  • O libro presenta ilustracións? Se é así, quen se encargou de realizar as ilustracións? 
  • O libro está escrito orixinalmente en galego ou é unha tradución doutra lingua?
  • Investiga se o libro foi traducido a outras linguas. No caso de ser así, pescuda quen foron os tradutores ou as tradutoras. 

Os personaxes

Os personaxes son o motor de calquera historia, os que fan que a acción avance. Na fase anterior recordastes os diferentes tipos de personaxes, agora tócavos analizar e caracterizar os personaxes do libro que escollestes. 

Lede as características de cada tipo de personaxe e, a continuación, realizade a actividade. 

Personaxes principais e personaxes secundarios

Os personaxes principais son os máis importantes, aqueles que teñen un papel máis relevante no desenvolvemento da historia.

Os personaxes secundarios teñen un papel menos importante, aparecen ocasionalmente ao longo da historia.

Dentro dos personaxes principais, podemos distinguir entre o protagonista e o antagonista. O protagonista é o personaxe central, en torno ao cal xira a historia. O antagonista oponse ao protagonista, é, por así dicilo, "o malo da historia".

Exemplo: no conto da Carapuchiña vermella, os personaxes principais son a Carapuchiña (a protagonista) e o lobo (o antagonista). A nai e a avoa son personaxes secundarias. 

Personaxes reais e personaxes imaxinarios

Os personaxes reais son aqueles que existiron ou que poderían existir na realidade, que actúan como seres do mundo real. 

Os personaxes imaxinarios son seres fantásticos, que non teñen correspondencia no mundo real. 

Exemplo: a Carapuchiña vermella é unha personaxe real: é unha nena que podería existir, fala e compórtase coma unha nena real; en cambio, o lobo dese conto é un personaxe imaxinario: no mundo real os lobos non falan nin se disfrazan de avoas.

Personaxes planos e personaxes redondos

Os personaxes planos son máis simples, aparecen pouco caracterizados e non evolucionan ao longo da historia. 

Os personaxes redondos son máis complexos, descríbense con moito detalle e van evolucionando ao longo da historia. 

Exemplo: os personaxes do conto da Carapuchiña vermella son planos, case non aparecen descritos e non evolucionan ao longo da historia. Isto é algo común nos relatos breves. En cambio, nas novelas coma a que lestes os personaxes principais adoitan ser redondos: aparecen moi ben caracterizados e van cambiando a medida que avanza a historia: equivócanse, medran, aprenden... 

Actividade

Realizade no caderno as seguintes activades sobre os personaxes do libro que escollestes: 

  • Elaborade unha listaxe dos personaxes da historia, clasificándoos en personaxes principais e personaxes secundarios. 
  • Escollede dous personaxes principais e describídeos. Debedes indicar se se trata de personaxes reais ou imaxinarios e recoller os trazos principais do seu físico e da súa personalidade, así como as súas accións máis relevantes na historia. (Arredor de dez liñas para cada personaxe)
  • Escollede dous personaxes secundarios e describídeos. Debedes indicar se se trata de personaxes reais ou imaxinarios e recoller os trazos principais do seu físico e da súa personalidade, así como as súas accións máis relevantes na historia. (Arredor de cinco liñas para cada personaxe)

O espazo

O espazo é o lugar ou o conxunto de lugares nos que se desenvolve a historia.

Botádelle unha ollada á seguinte clasificación dos espazos e, a continuación, realizade a actividade. 

Actividade

Realizade no caderno as seguintes actividades relacionadas co espazo do libro que escollestes:

  • Elaborade unha lista dos espazos nos que transcorre a historia, clasificádeos en reais / imaxinarios, urbanos / rurais, abertos / pechados e indicade brevemente que ocorre en cada un deses lugares. 
  • Cales son os espazos máis importantes no desenvolvemento da historia? Describídeos. (Arredor de 5 liñas para cada lugar)

O tempo

O tempo é a época na que se desenvolve a historia. Cando abrimos un libro podemos situarnos na época actual, na Idade Media, na II Guerra Mundial, no antigo Exipto... ou tamén viaxar ao futuro e situarnos, por exemplo, no próximo milenio. As posibilidades da literatura son infinitas!

Por outra banda, as accións da historia poden presentarse ordenadas cronoloxicamente ou non. Deste xeito, distinguimos entre orde lineal e orde non lineal: 

  • Orde lineal: as accións da historia preséntanse ordenadas cronoloxicamente, desde o principio ata o remate. Os contos clásicos adoitan seguir este tipo de orde. 
  • Orde non lineal: o relato das accións presenta saltos temporais. O máis habitual é que se produzan saltos cara ao pasado. Este desprazamento da historia ao pasado denomínase analepse e é bastante frecuente nas novelas. 

Actividade

Respondede no caderno as seguintes cuestións sobre o tempo narrativo: 

  • En que época se desenvolve a historia? Por que o podedes saber? Hai algunha referencia temporal explícita na historia? 
  • Seguro que na novela hai algún salto temporal cara ao pasado. Poñede dous exemplos de analepse que encontredes na historia. 

Pode ser que se indique explicitamente a época na que se desenvolve a historia, con referencias do tipo "Corría o ano 2007..." ou "Estamos no final da Revolución Francesa...".

Moitas veces non hai unha referencia explícita, pero podemos intuír igualmente a época na que estamos. Por exemplo, se os personaxes empregan móbiles e ordenadores, estaremos na época actual; se viven en castros viaxaremos á época castrexa...

O narrador

Deixamos para o final o elemento máis importante dos textos narrativos: o narrador. Para que haxa historia, alguén ten que contala e esa é a función do narrador. Estes son os tipos de narrador máis frecuentes: 

Narrador interno

Cando o narrador se sitúa dentro da historia falamos dun narrador interno. É un personaxe máis. Dependendo da súa importancia como personaxe falamos de narrador protagonista ou narrador testemuña. 

Narrador protagonista

Cando o protagonista nos narra en 1ª persoa a súa propia historia falamos dun narrador protagonista. 

Narrador testemuña

Cando o narrador é un personaxe secundario, falamos de narrador testemuña. 

Narrador externo

O narrador externo non participa nas accións narradas, senón que se sitúa fóra da historia e exprésase en 3ª persoa. Moitas veces, o narrador externo é un narrador omnisciente. 

Narrador omnisciente

O narrador omnisciente sábeo todo sobre os acontecementos narrados e sobre os personaxes: que fan, como actúan, como pensan, o seu presente e o seu pasado... 

Actividade

Realiza no caderno a seguinte actividade:

  • Na novela que lestes, cal é o tipo de narrador? Hai un único narrador ou o narrador vai cambiando ao longo da historia? Pon exemplos extraídos da novela. 

Opinión sobre o libro

Para rematar este bloque de actividades, manteredes unha conversa sobre o libro e intercambiaredes as vosas opinións arredor da historia. 

Podedes charlar sobre os aspectos do libro que máis vos chamasen a atención, o que máis vos gustou, o que menos...

Para orientar a conversa podedes dar resposta a cuestións coma as seguintes: 

  • Cal é, en xeral, a túa opinión sobre o libro?
  • Resultouche unha historia entretida?
  • Que valores transmite?
  • Que se pode aprender con este libro?
  • Que foi o que máis che gustou?
  • Que foi o que menos che gustou?
  • A quen lle recomendarías este libro?
  • Que nota lle darías?

Despois da conversa, recollede por escrito as vosas opinións máis interesantes. (Arredor de 15 liñas)

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)