Saltar navegación

2. Pasa as páxinas...

 

Glosario

Conto popular

Portadas de tres contos populares

Definición:

Un conto é unha historia breve que se conta ou se escribe co propósito principal de entreter a persoa que a escoita ou a le. O conto popular é aquel que non ten un autor, senón que se foi transmitindo de xeración en xeración de xeito oral ata que, andado o tempo, alguén decidiu poñelo por escrito.

Exemplo:

Calquera de nós sabería contar o conto dos tres porquiños ou o da carapuchiña vermella.

Diversidade lingüística

Personaxes falando

Definición:

A diversidade lingüística é a existencia real de multitude de linguas nun mesmo territorio. No mundo hai máis de 6000 linguas e, en cambio, hai menos de 200 estados. Polo tanto, o máis habitual é que convivan moitas linguas nun mesmo estado.

Exemplo:

En España fálase galego, asturiano, éuscaro, aragonés, castelán, occitano, catalán e portugués. Polo tanto, en España hai bastante diversidade lingüística.

Que vas facer nesta fase?

Nesta segunda fase vas explorar os coñecementos que tes sobre a diversidade lingüística e as características dos textos narrativos.

Seguro que xa sabes moitas cousas dos contos populares e das linguas da Península ibérica, aínda que quizais non sexas consciente de que sabes tantas.

Para empezar, vas lembrar un coñecidísimo conto popular e valo escoitar en catro linguas distintas.

Por que nesas linguas? Porque a Península ibérica (e, dentro dela, o Estado español) é un territorio cunha gran diversidade lingüística, e durante este curso ides aprender un pouco máis sobre algunhas destas linguas: o catalán, o portugués e mais o éuscaro.

Mapa lingüístico da Península ibérica coas fronteiras institucionais dos cinco estados

A continuación, farás unha actividade na que porás a proba a túa intuición lingüística. Verás como sabes cousas sobre as linguas da Península ibérica que nin sequera eras consciente de que sabías!

Despois, a través duns xogos traballarás as características dos textos narrativos e dos elementos que os compoñen, con especial atención aos distintos tipos de personaxes.

E, finalmente, revisarás o uso dos signos de puntuación nunha actividade na que terás que axudarlle aos destinatarios a ler unha carta para comprendela mellor. Ademais, repasarás o uso dos tempos verbais en presente, pasado e futuro.

Lectura facilitada

Nesta parte da unidade, vas lembrar o que sabes sobre:

  • As diferentes linguas da Península Ibérica.
  • Os contos e os textos narrativos.
  • É probable que xa coñezas moitas cousas. Aínda que quizais non o saibas, tes máis coñecementos dos que pensas.

Para empezar, vas lembrar un conto moi coñecido.

Vas escoitar ese conto en catro linguas diferentes.

Por que en catro linguas? Porque a Península Ibérica é unha zona con moita variedade de linguas.

Durante o curso aprenderás cousas sobre algunhas delas:

  • O catalán
  • O portugués
  • O éuscaro
  • Tamén está o galego, que xa coñeces.

Verás un mapa coas linguas que se falan na Península Ibérica.

Ese mapa tamén amosa os cinco estados que teñen o seu territorio na Península ibérica.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)