Escribiches algunha carta?
Pode ser que aínda non escribises ningunha carta, ou que nunca abrises a caixa do correo da casa e levases a sorpresa de encontrar un sobre co teu nome cunha carta ou unha postal dentro. Non pasa nada, estás a tempo!
Aínda que non escribises cartas, seguro que si que lle escribiches a un familiar, a unha amiga ou a algún profesor do instituto a través dalgunha aplicación de mensaxería instantánea, do correo electrónico ou da aula virtual. Que diferenza hai cunha carta?
A diferenza é que unha carta tamén é unha mensaxe, pero hai que escribila respectando certas normas, xa que a carta é un tipo de documento que se divide nunhas partes determinadas.
A organización é o que permite que nunha carta a información se transmita de xeito correcto e se poida ler comodamente. Pero ademais da información unha carta tamén ten uns valores estéticos e culturais, como veremos nos seguintes apartados.
Lectura facilitada
As cartas son unha mensaxe especial.
Aínda non escribiches ningunha carta?
Aínda non che mandaron ningunha carta?
Non pasa nada, aínda estás a tempo!
Seguramente, xa escribiches a alguén usando outras formas de mensaxería, como:
- Aplicacións de mensaxería instantánea
- Correo electrónico
- A aula virtual
Cal é a diferenza coa carta?
A diferenza é que unha carta ten que seguir unhas normas especiais.
A carta é un tipo de documento formal.
Está dividida en partes fixas:
- Cabeceira
- Corpo
- Sinatura
A carta, ademais, ten moito valor.
Ademais de ser unha mensaxe, a carta ten un valor estético e cultural.
O valor estético é que pode ser bonita.
O valor cultural é que podemos aprender moitas cousas a través dela.
Verémolo a continuación.


