Glosario
Apóstrofo

Definición:
O apóstrofo é un signo gráfico que se emprega nas linguas románicas para indicar que desapareceu unha vogal ao entraren en contacto dúas palabras distintas. É importante non confundilo cun acento, xa que son signos diferentes. En galego úsase cando se escriben as preposicións de ou en antes do título dun libro.
Exemplo:
Gústanme moito os personaxes d’Un elefante na sala de estar, de Berta Dávila.
Argumento

Definición:
O argumento dun texto literario (un conto, unha novela...) é o que pasa na historia, o que lles acontece aos personaxes nun lugar e durante un tempo determinado.
Exemplo:
Ese conto ten un argumento sorprendente, nunca imaxinei que eses amigos descubrisen que en realidade eran irmáns.
Dígrafo

Definición:
Un dígrafo son dúas letras que sempre se escriben xuntas para representaren un único son.
Exemplo:
O dígrafo ch aparece en palabras como chorar, achegar ou moucho.
Multilingüismo

Definición:
O multilingüismo é a capacidade dunha persoa que coñece e pode usar moitas linguas. Tamén se coñece como multilingüismo a presenza de varias linguas nunha sociedade, nunha escola, etc.
Exemplo:
Nas sociedades actuais cada vez hai máis persoas multilingües que saben falar en tres ou mesmo en catro linguas distintas.
Romanización

Definición:
Chámaselle romanización á transformación cultural que sufriron os pobos conquistados polo Imperio Romano. Eses pobos non só incorporaron as leis e os costumes propios de Roma, senón que as persoas que os habitaban tamén empezaron a falar en latín. A partir dese latín xurdiron linguas coma o galego, o portugués, o castelán e o catalán, coñecidas como linguas románicas, ou linguas latinas.
Exemplo:
O galego deriva do latín, que chegou a Galicia por causa da romanización.