Escolle un
A continuación, ofrecémosche unha listaxe de obras de narrativa xuvenil en galego acaídas para a túa idade.
Son obras moi diferentes e que tocan temas moi diversos. Le os seus argumentos e escolle a que máis che guste para ler.
É importante que teñas o libro lido para cando chegues á fase 3.
O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga
Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao destino, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: "Liber bestiarium scientificus". Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na Compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Xerais
Cando petan na porta pola noite, Xabier P. Docampo
Catro relatos de misterio que Docampo dedica aos seu pais, dos que di que foron grandes contadores de contos. Son historias que, cando as lemos, parece que as estamos escoitando, o cal fai que o noso medo vaia en aumento e ademais poden facer lembrarnos os nosos medos que criamos especiais: aquela carballeira chea de sombras, o vento que abanea os salgueiros, a neve que nos chamaba a andar e ía borrando as nosas pisadas co risco de perdernos, a brétema que non nos deixa enxergar que seres se ocultan.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Xerais
Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz
Despois dunha longa estadía no Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Xerais
Chamádeme Simbad, de Francisco Castro
O avó é un pirata que non lembra nada. Paulo, un mariñeiro que vive as aventuras con el. Unha nube de desmemoria cóbreo todo na mente do avó. Hai piratas por todas partes en forma de adultos que non entenden nada. Só Paulo, coa súa ollada de neno, pode entender o avó...
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Galaxia
Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín
Ramón Lamote Miñato é profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. A súa existencia é apracible, como lle corresponde a unha persoa da bondade do señor Lamote. Mais a vida tamén está chea de cousas. Das cousas que lle acontecen a Ramón Lamote e da súa particular maneira de entender o mundo trata esta novela.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Galaxia
Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas
Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. Nese día tan especial recibiu un megasusto: un cadaleito acompañado dun sobre onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén. Unha historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Xerais
A folla azul, de Andrea Maceiras
A Amazonia é un mundo verde e único. Tamén é o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Algunhas delas manteñen relación coa civilización, mentres que outras decidiron permanecer voluntariamente ocultas no corazón da selva. A miña tribo é unha delas. Eu son Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde. E esta é a miña historia.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Xerais
O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez
Aqueles irmáns pensaban que o verán ía ser igual de monótono e gris que sempre.
Mais por unha serie de casualidades van ter que investigar un misterio que todos coidaban esquecido... como a vila que descansa debaixo das augas do encoro. Durante séculos aquela vila anegada tivo os seus (terribles) segredos ben gardados. Mais agora van saír á luz...
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Galaxia
Prohibido casar, papá!, de Fina Casalderrey
Elia amósanos o seu mundo interior, con todas as inquedanzas e teimas dunha adolescente.
Elia é unha rapaza de catorce anos orfa de nai, que asiste ao romance entre o seu pai e unha muller pola que ela non sente simpatía ningunha. Internada nun hospital por mor dunha operación de apendicite, Elia alterna a rememoración dos momentos máis importantes da súa vida coas visitas que recibe dos seus familiares e tamén de Berta, a odiada moza do seu pai. A partir deste esquema argumental, Fina Casalderrey escribe unha novela de elaborada técnica e de vontade realista que se introduce sen complexos nin visións falseadas no axitado mundo interior dunha adolescente dos nosos días.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Galaxia
Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro
As aventuras dun neno: Tonecho, o único pequeno da súa aldea.
Rebordechao é unha aldea que queda alá por... chegando á... O certo é que non é doado atopar Rebordechao, nin sequera aínda que a busques. Neste lugar perdido vive Tonecho, o neno máis bo e máis guapo, o mellor de todos, porque en Rebordechao... non quedan máis nenos ca el.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Galaxia
Usha, de María Reimóndez
Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o relato da súa estancia en Devastana, unha vila do estado de Karnata, na India. A rapaza galega, que acompañaba a súa nai, membro dunha ONG, rememora a vida cotiá da súa escola india. Alí amigou con Lakshmi e Deepak, aprendeu canarés, coñeceu novos costumes e lendas, enfrontouse a dificultades imprevistas e, sobre todo, a uunha nova visión da vida, ata entón, descoñecida para ela. Usha aprendeu na India que alí o seu nome significa a primeira luz do mencer. Nunca o esquecerá. Usha, novela escrita por María Reimóndez e ilustrada por Iván Sende, é un portelo aberto para que os lectores galegos mozos poidan enchouparse da cultura e da visión da vida dunha comunidade popular da India. Unha novela emocionante que interroga e interesa o lector sobre unha realidade cultural que a maior parte descoñece.
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Xerais
Velloucas e Minchas, de Lorena Conde
Despois do “suceso”, a Sofía non lle queda outra que ir pasar parte do verán ao piso da súa avoa Rosa en Veigamoa, onde parece que nunca acontece nada. Unha vez alí, a rapaza decátase de que o ambiente na vila está enrarecido, de que a xente escapa da súa avoa e das súas amigas cando van pola rúa, de que reciben chamadas telefónicas no medio da noite e de que sofren actos vandálicos no edificio. Coa mosca detrás da orella, Sofía decide pescudar. Non lle gusta nada o que descobre, se hai algo que non pode soportar, son as inxustizas.
Coa axuda da súa mellor amiga Gabri e as boas persoas da vila, trata de resolver o sarillo no que está metida a avoa Rosa e mais as súas amigas e veciñas Gloria e Lita. Conseguirano?
Reseña e imaxe extraídas da páxina web da editorial Cuarto de Inverno