Recensión do libro

Logo de analizar a obra narrativa, imos co seguinte paso: recoller por escrito as vosas reflexións sobre a lectura. En equipos, ides realizar unha recensión literaria que logo publicaredes na revista.
Para realizar a recensión aproveitaredes todo o traballo realizado no apartado anterior.
Que é unha recensión literaria?
Unha recensión é un texto no que se reflexiona arredor dunha obra literaria.
Por unha parte, na recensión explícanse as características máis salientables da obra: datos da publicación, argumento, aspectos formais máis relevantes...
Por outra, ofrécese unha opinión persoal sobre a obra.
O obxectivo da recensión é que outras persoas se animen a ler a obra. Por este motivo, é moi importante que non se revele o final nin outros segredos que se van descubrindo ao ler a historia.
Premendo nos seguintes enlaces podedes ler algunhas recensións literarias que vos servirán de exemplo:
- Recensión de Armando Requeixo do libro A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira.
- Recensión de Ramón Nicolás do libro Escola de bruxas, de María Canosa.
- Recensión de Tensi Gesteira do libro A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
A recensión literaria presentará a seguinte estrutura:
1) Ficha do libro
Na ficha do libro ou ficha técnica incluiredes os seguintes datos:
- Título da obra
- Autor ou autora. Ademais do seu nome, podedes incluír algúns datos relevantes: de onde é, que outras obras publicou, se recibiu algún premio...
- Editorial e colección
- Ano de publicación
- Número de páxinas
2) Argumento
O segundo apartado será un breve resumo da obra. Non debedes dar demasiados detalles nin desvelar segredos da trama xa que o obxectivo é espertar noutras persoas o interese pola historia.
3) Análise da obra
Neste apartado describiredes os seguintes elementos:
- Personaxes principais
- Tipo de narrador
- Espazo
- Tempo
Ademais da explicación obxectiva, neste apartado xa podedes introducir algunhas valoracións persoais, coma, por exemplo, indicar cales foron os vosos personaxes preferidos, se houbo algo dos espazos ou do tempo que chamase a vosa atención...
4) Valoración persoal
Na última parte da recensión achegaredes a vosa opinión persoal sobre o libro, tal e como fixestes no apartado anterior.