Saltar navegación

1.2. Asemblea no recreo

Asemblea do recreo

Como xa viches fai un chisco, Nelson Mandela traballou para unir o seu país e fixo que a democracia chegase onde todos puidesen votar e ser escoitados.

Agora tócavos a vós poñervos na súa pel e traballar en equipo para tomar a decisión que se vos propón no seguinte reto:

Unha proposta colectiva

Pictograma dun neno decidindo entre dúas opcións

Teredes que, mediante votación, decidir que actividade das propostas realizaredes durante o recreo de mañá:

  • Xogar ao fútbol
  • Organizar un torneo de corda
  • Pintar un mural no patio

Formación de grupos

Pictograma de 3 persoas enteiras e varias cabezas ao fondo

  1. Dividídevos en pequenos grupos para debater as opcións
  2. Preparade argumentos a favor da vosa elección
  3. Cada grupo elixirá un portavoz para presentar as súas ideas

Debate

Pictograma de varias persoas a debater

Cada persoa portavoz expón a opción do seu grupo e os motivos polos que a consideran a mellor.

Votación

Pictograma no que se ve unha man botando unha papeleta nunha urna

Levaredes a cabo unha votación democrática:

  • Cada persoa ten dereito a un voto
  • Escribide nunha papeleta a vosa elección
  • Contade os votos e anunciade a actividade gañadora

Reflexión final

Pictograma dunha nena pensando

Comentade como foi o proceso e destaca a importancia de:

  • Escoitar a todo o mundo
  • Respectar a decisión da maioría
  • Entender que, aínda que non sempre gañe a nosa opción, formamos parte do grupo

A axuda vai en camiño!

Marabilloso! Acabades de descubrir un dos superpoderes que definen as sociedades democráticas: xuntos, somos máis fortes! Máis tarde afondaremos polo miúdo neste concepto, pero polo de agora centrémonos no voso primeiro logro como grupo que traballa unido: fostes quen de tomar unha decisión conxunta para desfrutar do recreo.

Como sabedes, no cole existen persoas que axudan a que todo marche, polo que quizais necesitedes da axuda de alguén para levar a cabo a actividade elixida. Se xogades ao fútbol necesitaredes reservar o campo. Se organizades un torneo é probable que a persoa especialista en Educación Física vos dea grandes consellos. Se ides pintar un mural, o departamento de arte facilitaravos o material necesario.

A continuación elaborade un escrito no que solicitedes a axuda necesaria a quen corresponda. Podedes entregalo en man, en formato papel, escribir un correo electrónico á persoa responsable ou mesmo gravar un vídeo solicitando a axuda para a actividade. Adiante!

Lectura facilitada

Marabilloso! Como vedes, xuntas, as persoas somos máis fortes!

Fostes quen de tomar unha decisión conxunta para desfrutar do recreo.

Pode que necesitades da axuda de alguén para levar a cabo a actividade escollida.

Por exemplo:

  • Se xogades ao fútbol necesitaredes reservar o campo.
  • Se organizades un torneo é probable que a persoa especialista en Educación Física vos dea grandes consellos.
  • Se, no canto, ides pintar un mural, o departamento de arte facilitaravos o material necesario.

Elaborade un escrito en que solicitedes a axuda necesaria.

Podedes entregalo en man.

Podedes escribir un correo electrónico á persoa responsable.

Mesmo gravar un vídeo solicitando a axuda para a actividade.

Adiante! Xa queda menos para desfrutar dun recreo diferente!

Lembra as formas de presentar a túa petición

  • Facer un escrito a man ou co ordenador e presentalo.
  • Escribir un correo electrónico e envialo ao profesor ou profesora.
  • Facer un video explicativo.

Podes axudarte desta táboa de indicadores.

Diario de aprendizaxe

Icona de diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un caderno co logotipo do proxecto na tapaParabéns, xa iniciaches a aventura!

Como Mandela, ti vas ser un superheroe ou unha superheroína da democracia.

Consulta o diario de aprendizaxe e teno en conta durante todo o REA.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)