Saltar navegación

4.1. Constitución do Consello

Creación do Consello da Infancia

Agora que sabes que podes participar coas túas ideas, a que esperas para poñer o teu antiface de superheroe e poñerte mans á obra? Claro, para que as ideas cheguen a algures, o primeiro é organizarse un pouco. Que che parece se formades na túa aula o primeiro Consello da Infancia do voso cole?

Xa sei, xa sei, parece unha idea moi tola, mais pensade en todo o bo que podería saír de todas esas cabeciñas pensantes!

Imos alá! O primeiro paso será constituírdes o Consello.

Para facer isto máis oficial, podedes elaborar un pequeno texto que conteña información como:

1. Data de creación do Consello da Infancia

É un momento histórico na vida da vosa aula! Escribide a data na que comezastes esta aventura, colocádea nun lugar ben visible da vosa aula e conmemorade cada ano como se fose fin de ano!

2. Nome e apelidos de todos e todas as integrantes do Consello da Infancia

As institucións, os gobernos son en realidade as persoas que os conforman. Todos e todas seredes unha parte esencial da transformación do voso cole, ou polo menos das contribucións para facer del un lugar mellor. Recollede a lista de participantes na carpeta oficial do proxecto.

3. Establecede as funcións do Consello da Infancia

Mediante unha chuvia de ideas en gran grupo comezaredes a bosquexar ideas que logo desenvolveredes. Tras estas achegas inicias, cómpre organizarvos mediante o que se coñece como comisións de traballo.

4. Escollede os vosos representantes:

Neste tipo de organizacións adoitan existir algúns cargos fixos que representan ao Consello dentro e fóra do mesmo. Estes son:

1. Presidente/a: acoden a reunións fóra do Consello, trasladan as decisións que se acadaron a quen corresponda...

2. Secretario/a: recolle nun documento as Actas das reunións, que non é outra cousa que o resumo do que se falou nelas.

3. Vogais: son o resto de compoñentes do Consello, que participan con voz e voto, é dicir, expresan as súas ideas, debaten nas reunións e o seu voto ten o mesmo valor que os dos presidentes/as e secretarios/as. 

Que idea tedes sobre isto?

Como vedes, á sociedade impórtalle a implicación dos nenos e nenas, polo que pon en marcha mecanismos para que isto suceda.

Sabiades que isto era posible?

Credes que é algo necesario, ou pola contra considerades que non?

Abride un debate na aula sobre este tema, seguro que saen reflexións do máis interesante. Ao final, o combustible da democracia é a nosa capacidade de cuestionarnos as cousas! 

Veña, poñede o anteface e que chovan as ideas! Recollédeas no voso caderno e escribide unha conclusión que resuma a vosa postura.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)