Saltar navegación

2.4. Exploramos

Os dereitos dos nenos e das nenas

Imaxe da bandeira da ONU

A Convención sobre os Dereitos do Neno foi aprobada polas Nacións Unidas en 1989 e asinada por 193 países do mundo.

Contén 54 artigos que recollen os dereitos económicos, sociais e culturais de todos os nenos e nenas.

A súa aplicación é obrigatoria para os gobernos e tamén define as obrigas e responsabilidades das familias, coidadores, profesionais da saúde, profesorado e dos propios nenos e nenas.

Actividade colaborativa

Paso 1

  • Organizade a clase en grupos e consultade na páxina de UNICEF cales son os dereitos da infancia.
  • Cada grupo debe escoller tres dereitos (tentade repartir todos os dereitos).
  • Facede unha ficha de cada un que conteña unha descrición do dereito escollido, un debuxo ilustrativo e as persoas de quen depende o seu cumprimento (goberno, familia, profesorado, etc.). 

Paso 2

Explicádelles aos compañeiros e compañeiras dos demais grupos que dereitos elixistes e xustificade por que.

Paso 3

Despois elaborade entre todos un mural en papel continuo ou en cartolina onde colguedes todas as fichas que fixestes sobre os dereitos.

Quen pode axudar?

Como grupo de cativada xa tendes identificados algúns dos vosos dereitos básicos. A pregunta é: credes que na contorna na que vivides eses dereitos son respectados? Podería mellorarse a vosa situación? Propoñémosvos a seguinte actividade:

Paso 1: seleccionade un dereito da infancia dos que analizastes previamente

Debedes escoller un dereito que consideredes que se vulnera (é dicir, non se protexe) na vosa cidade, por exemplo, o dereito a vivir nun espazo libre de contaminación.

Paso 2: identificade o organismo responsable dese aspecto

No caso da contaminación será a concellaría de medio ambiente da vosa cidade.

Paso 3: elaborade un escrito

Nese escrito aparecerá a seguinte información:

  1. Remitente, que sodes vós.
  2. Motivo do escrito: por exemplo, a vosa preocupación polo estado dos contedores situados a carón do colexio.
  3. Solicita: posible solución, por exemplo mover os colectores ou susbtituílos por outros en mellores condicións.
  4. Destinatario: organismo responsable.

Paso 4: enviade o escrito

Podedes elixir diferentes formatos:

  • Correo tradicional, ben por rexistro de entrada ou correo ordinario.
  • Por vía dixital, en formato texto, vídeo...

Podedes decidir o idioma, enviar o escrito a un ou varios destinatarios, involucrar o equipo directivo do centro ou a anpa... A dimensión da vosa acción para mellorar a vosa contorna é tamén unha decisión democrática!

Podedes axudarvos da táboa de indicadores da actividade: A axuda vai en camiño! do apartado 1.2.

Diario de aprendizaxe

Icona de diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Parabéns!

Xa remataches a segunda parte desta aventura. Agora vai ao teu diario de aprendizaxe e reflexiona sobre as seguintes cuestións:

  •   Lembrabas todo o que viches nesta parte?
  •   Como te sentiches ao faceres as diferentes actividades?
  •   Gustouche máis facer as actividades individuais ou as de equipo? Por que?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)