A entrevista

Agora tócavos investigar un pouco sobre o equipo directivo do voso cole. Para iso, propoñémosvos o seguinte reto: elaborar un cuestionario, a modo de entrevista, que deberá responder cada un dos membros do equipo directivo do cole.
Despois poñeredes en común a información acadada con todo o grupo, e ao final estaredes máis que preparados e preparadas para afrontar o derradeiro reto!
PASOS A SEGUIR:
1. Dividide a clase en 3 equipos, un por cada membro do equipo directivo.
Nun primeiro momento podedes encher unha ficha con certa información necesaria para facer a vosa entrevista:
- Nome do membro do equipo directivo.
- Posto que ocupa.
- Lugar onde se atopa o seu despacho.
- Horario de atención (necesario para concertar unha reunión coa persoa responsable).
2. Elaborade unha lista de posibles preguntas para a vosa entrevista.
Aquí tedes unha proposta de preguntas, pero lembrade que as vosas terán relación coa realidade do voso cole, polo que é recomendable que as adaptedes á mesma:
- Desde cando ocupas o teu cargo como director/a, secretario/a, xefe/a de estudos?
- Que é o mellor do teu cargo? E o peor?
- Que é o Claustro?
- Que é o Consello Escolar?
- Cada canto se reúnen?
- Que funcións teñen?
- Hai alumnado no Consello Escolar ou no Claustro?
- Quen se encarga do mantemento das instalacións do cole?
- Se queremos facer un intercambio no estranxeiro, a quen lle temos que solicitar esta actividade?
3. Concertade unha cita coa persoa destinataria da entrevista.
Podedes utilizar diferentes vías:
1. Pedirlle colaboración á persoa titora para que actúe de intermediario.
2. Escribir un correo electrónico á dirección do cole que aparece na páxina web.
3. Falar directamente co equipo directivo e solicitarlles a entrevista.
.png)