Sabendo o obxecto que ides embalar, e tendo en conta o que sabedes sobre o refugallo, debedes decidir xunto ao profesorado o material que ides empregar para finalizar o reto.
Hai moito material ao voso redor. É importante que teñades en conta as necesidades de protección do obxecto e as vosas capacidades para manipular o material escollido. Non é o mesmo pregar un papel ou cartón que cortar madeira.
Coñecer as características dos materiais axudaravos a tomar a decisión correcta.
O cartón e papel
O cartón está feito por varias capas de papel xuntas. Podedes pregalo e cortalo sen dificultade, o que o fai un material perfecto para o deseño de embalaxes. É un material económico, resistente e lixeiro, dispoñible en diferentes grosores. E o máis importante, é 100% reciclable!
Seguro que tedes moitas caixas e pedazos de cartón no centro e na casa que podedes empregar para as vosas embalaxes. Tamén podedes preguntar nas tendas da vosa vila.
O cartón permítevos imprimir e debuxar logotipos e cores facilmente, e podedes escoller entre moitos tipos, coma o cartón ondulado, o cartón pedra, a celulosa moldeada, o cartón compacto ou o couché.
O papel de embalar ou papel Kraft podedes empregalo para a embalaxe ou para o recheo. Moitas bolsas que tedes na casa son deste material.
Queredes unha pista moi útil? En todos os centros hai unha trituradora de papel na secretaría ou conserxería. Pedide se vos deixan os restos do papel triturado. É perfecto para o recheo ou a protección!
A madeira
A madeira é un material de orixe natural, polo tanto, ecolóxico. É moi resistente aos golpes e aos cambios climáticos, por iso é moi empregada no transporte de cousas que precisan protección.
Malia as súas vantaxes, se escolledes este material, tedes que contar con ferramentas especiais para manipulala. Preguntade ao profesorado se ides dispoñer do taller de tecnoloxía!
Un tipo de madeira moi útil é a coñecida como madeira de balsa. É moi fina, lixeira e fácil de cortar. As caixas de froita son deste material.
O plástico e as espumas
O plástico é un dos materiais máis empregados pola súa versatilidade, lixeireza, capacidade de manipulación e de protección fronte a factores externos como a poeira ou os líquidos. Mais sabedes que é un material moi contaminante.
Non por isto o rexeitaredes... Podedes facer que sexa de utilidade no voso proxecto, poñendo da vosa parte na cadea de refugallo.
As espumas de polistireno o polietileno son empregadas como protección e illante térmico. Malia o sinxelo de cortalas e crear formas con elas, non as ides empregar porque son materiais moi tóxicos.
Outros materiais
Aínda que non os ides usar pola dificultade á hora de manipulalos, outros materiais empregados para embalar obxectos son o vidro, o aceiro e outros metais.
Mirade ao voso redor e empregade a imaxinación. Hai moitas cousas que poden servirvos neste proxecto: restos de teas e roupa, la e fitas para os peches e as etiquetas, recheo de bonecos para a protección... calquera cousa pode ser útil para completar as vosas embalaxes!