Agora que xa sabedes máis sobre a xeometría, o deseño de obxectos e o packaging, é o momento de investigar e reflexionar.
Que obxectos ou produtos ides embalar? Que materiais podedes empregar para ser respectuosos co medio ambiente? Como o ides deseñar?
Moitos dos obxectos que consumides precisan unha protección para ser transportados ou gardados. A embalaxe é tamén unha carta de presentación dos produtos, e divos moito sobre quen fabrica o produto ou sobre quen fai un agasallo.
Como xa vistes, existen diferentes tipos de embalaxe e diferentes materiais para poder presentar un produto sen engadir lixo á vosa contorna.
Faredes unha investigación sobre diferentes organizacións ou produtores da vosa vila, escolleredes os obxectos ou produtos que precisen dunha embalaxe eficaz, ecolóxica e creativa, e deseñaredes unhas embalaxes como verdadeiras e verdadeiros profesionais do deseño!
Tedes a oportunidade de colaborar e axudar ás empresas da vosa vila... Imos ao choio!
×
×
×
×
×
×
Lectura facilitada
Agora que xa sabedes máis sobre:
A xeometría.
O deseño de obxectos.
O packaging.
É o momento de investigar e reflexionar:
Que obxectos ou produtos ides embalar?
Que materiais podedes empregar para ser respectuosos co medio ambiente?
Como ides deseñar esa embalaxe?
Moitos dos obxectos que consumides precisan unha protección para ser transportados ou gardados.
A embalaxe é tamén unha carta de presentación dos produtos.
A embalaxe fala moito sobre quen fabrica o produto ou sobre quen fai un agasallo.
Existen diferentes tipos de embalaxe e materiais ecolóxicos.
Faredes unha investigación sobre diferentes organizacións ou produtores da vosa vila.
Despois escolleredes os obxectos ou produtos que precisen dunha embalaxe eficaz, ecolóxica e creativa.
Axiña deseñaredes unhas embalaxes como verdadeiras e verdadeiros profesionais do deseño!
Tedes a oportunidade de colaborar e axudar ás empresas da vosa vila.
Ao choio!
Audio
Un obxecto busca embalaxe
Agora chegou o momento de procura e investigación:
Obxectivo
O voso obxectivo nesta fase é que realicedes unha procura de obxectos ou produtos que precisen dunha embalaxe.
Para iso, podedes buscar pequenos produtos feitos por asociacións sen ánimo de lucro ou artesáns da vosa vila, ou obxectos no voso centro.
Misión
A vosa misión é embalar eses obxectos, de xeito sostible, aplicando o que tedes aprendido de deseño e xeometría.
Lectura facilitada
Agora chegou o momento de procura e investigación.
O voso obxectivo nesta fase é:
Facer unha procura de obxectos que precisen dunha embalaxe.
Poden ser pequenos produtos feitos por asociacións sen ánimo de lucro ou artesáns da vosa vila.
Tamén poden ser obxectos no voso centro.
A vosa misión é embalar eses obxectos de xeito sostible.
Ides aplicar o que tedes aprendido de deseño e xeometría.
Audio
Planifica a embalaxe
O deseño de packaging é unha excelente forma de combinar creatividade, xeometría e propósito social. Agora, é o momento perfecto para poñer en práctica o que aprendestes sobre os polígonos e o sistema diédrico.
Ides explorar como podedes usar estes conceptos para desenvolver un deseño innovador e estruturado para o voso packaging.
Primeiro, imaxinade que o packaging que ides crear é unha especie de "envoltura" tridimensional para o produto. Aquí é onde os polígonos entran en xogo. Como xa sabedes, os polígonos son figuras planas que teñen lados rectos, e cada unha destas formas pode converterse nunha das caras dun poliedro.
Un poliedro é unha figura tridimensional formada por varios polígonos, e estes polígonos actúan como as caras que definen a estrutura do poliedro.
Pensade como os poliedros poden ser usados no deseño de packaging.
Poderiades deseñar unha caixa que, por exemplo, teña a forma dun cubo, unha pirámide ou mesmo unha figura máis complexa coma un octaedro.
Cada unha destas formas está composta por diferentes polígonos, coma triángulos, cadrados ou rectángulos. Aquí é onde entra a relación entre os polígonos e os poliedros: os polígonos son as caras que fan posible que o poliedro teña a súa forma tridimensional.
A unión de varios polígonos de como resultado un poliedro, polo que é imprescindible que as medidas dos lados adxacentes sexan as mesmas. Pode parecer complexo, pero en canto empecedes a traballar coas mans comprenderedes que é sinxelo.
Se o que estades a facer é debuxar os diferentes polígonos que compoñen o poliedro, poderíase dicir que estades facendo o desenvolvemento do poliedro.
O seguinte paso é usar o sistema diédrico para representar esas formas en dúas dimensións. O sistema diédrico é unha técnica de proxección que che permite visualizar como se verían esas figuras tridimensionais nun plano, e é clave cando se quere representar obxectos 3D nos deseños 2D.
Empregando este sistema, poderedes debuxar as vistas do voso poliedro, é dicir, as diferentes perspectivas do obxecto. Isto vaivos axudar a crear un deseño máis claro e preciso.
Por exemplo, se estades a deseñar unha caixa en forma de cubo, poderedes representar as súas diferentes caras usando vistas frontais, laterais e superiores, o que vos permitirá entender mellor como se vai ver o voso deseño desde diferentes ángulos.
A partir de aí, podedes crear un patrón que logo se converterá no deseño final do packaging, con todos os detalles, cores e imaxes que representen o produto asociación ou entidade que decidades.
Entón, o que podedes facer agora é mesturar os vosos coñecementos de polígonos e do sistema diédrico para crear un deseño de packaging único e funcional. Pensade en como as formas xeométricas poden influír na estética e a funcionalidade do voso deseño, e como as vistas en sistema diédrico poden axudarvos a plasmar esas formas no voso proxecto final.
Deixade voar a vosa creatividade!
Lectura facilitada
O deseño de packaging é unha excelente forma de combinar creatividade, xeometría e propósito social.
Imaxina que o packaging que vas crear é unha "envoltura" tridimensional para o produto.
Os polígonos son figuras planas que teñen lados rectos.
Un poliedro é unha figura tridimensional formada por varios polígonos.
Os poliedros poden ser usados no deseño de packaging.
Poderías deseñar unha caixa coa forma dun cubo ou unha pirámide.
Cada unha destas formas está composta por diferentes polígonos, coma:
Triángulos.
Cadrados.
Rectángulos.
O seguinte paso é usar o sistema diédrico para representar esas formas en dúas dimensións.
O sistema diédrico é unha técnica que che permite visualizar as figuras tridimensionais nun plano.
Utilizando este sistema, poderás debuxar diferentes perspectivas do obxecto, e crear un deseño máis claro e preciso.
Por exemplo, se estás a deseñar unha caixa en forma de cubo, poderás representar as súas diferentes caras usando vistas:
Frontais.
Laterais.
Superiores.
Iso permitirache entender mellor como se vai ver o teu deseño desde diferentes ángulos.
Podes mesturar os teus coñecementos de polígonos e sistema diédrico para crear un deseño de packaging único e funcional.