Función principal
O sistema excretor é o encargado de eliminar as substancias de refugallo que produce o noso corpo cando funciona. Se estes refugallos non se eliminan, poden ser perigosos para a saúde. Estas substancias poden ser de distintos tipos, polo que cada unha terá que ser eliminada por un órgano diferente.
As súas funcións principais son:
- Filtración: na que os riles eliminan as substancias de refugallo do sangue, formando a urina.
- Reabsorción: na que o corpo recupera elementos útiles (auga, sales minerais, glucosa) para evitar perdas innecesarias.
- Secreción: na que certas substancias que non foron eliminadas na filtración son expulsadas cara á urina.
- Excreción: na que a urina viaxa polos uréteres ata a vexiga e finalmente é eliminada pola uretra.
Lectura facilitada
O sistema excretor elimina os refugallos que produce o corpo.
Eses refugallos aparecen cando o corpo funciona.
Se non se eliminan, poden facer dano á saúde.
Hai varios tipos de refugallos.
Por iso, cada tipo de refugallo sae do corpo por un órgano distinto.
Funcións principais do sistema excretor:
– Filtración:
Os riles limpan o sangue.
Eliminan as substancias que non serven.
Despois forman a urina.
– Reabsorción:
O corpo recupera o que aínda necesita.
Recupera auga, sales minerais e glucosa.
Así evita perder cousas útiles.
– Secreción:
Algunhas substancias non saíron na filtración.
Esas substancias tamén pasan á urina.
– Excreción:
A urina baixa polos uréteres.
Chega á vexiga e queda gardada.
Cando chega o momento, a urina sae pola uretra.
.png)