O bolo alimenticio é a mestura de alimento triturado cos dentes e saliva, que se forma na boca durante a dixestión. É unha masa suave que se pode tragar con facilidade.
Exemplo:
O bolo alimenticio é a mestura de alimento triturado cos dentes e saliva, que se forma na boca durante a dixestión.
É unha masa suave que se pode tragar con facilidade.
Quimo
Definición:
O quimo é unha mestura de bolo alimenticio e zumes gástricos que se forma no estómago. É un líquido espeso que se crea cando os alimentos se desfán no estómago.
Exemplo:
No estómago, o bolo alimenticio mestúrase cos zumes gástricos e convértese en quimo.
Función principal
O aparato dixestivo está formado por un conxunto de órganos que se encargan de transformar os alimentos en nutrientes e tamén de eliminar os restos dos alimentos que non se poden aproveitar. Faino a través dun proceso complexo no que os alimentos se desfán mediante varios pasos ata converterse en nutrientes pequenos que poden pasar ao sangue.
As fases deste proceso son:
Inxestión: introdúcese o alimento na boca e mastígase.
Dixestión: os alimentos descompóñense grazas aos zumes dixestivos.
Absorción: os nutrientes pasan ao sangue no intestino delgado.
Excreción: os restos que non serven expúlsanse polo ano.
Lectura facilitada
O aparato dixestivo axuda a obter os nutrientes dos alimentos.
Está formado por varios órganos.
Eses órganos traballan xuntos.
O seu traballo é transformar os alimentos en nutrientes.
Tamén eliminan os restos que o corpo non pode aproveitar.
Este proceso é longo e ten varios pasos.
Os alimentos desfanse pouco a pouco.
Ao final convértense en nutrientes pequenos.
Eses nutrientes poden pasar ao sangue.
As fases da dixestión son as seguintes:
Inxestión:
Metemos o alimento na boca.
Mastigamos o alimento.
Dixestión:
Os alimentos descompóñense.
Axudan os zumes dixestivos.
Absorción:
Os nutrientes pasan ao sangue.
Isto ocorre no intestino delgado.
Excreción:
O corpo expulsa os restos que non serven.
Eses restos saen polo ano.
Audio
Unha viaxe polo aparato dixestivo
As principais partes implicadas nese proceso e o seu funcionamento son:
Boca: onde comeza o proceso da dixestión. Cos dentes trituramos os alimentos e mestúramolos coa saliva, que contén sustancias que comezan a desfacer os nutrientes. Ao final, formamos o bolo alimenticio.
Farinxe e esófago: o bolo pasa pola farinxe e baixa polo esófago, un tubo longo que o leva ata o estómago.
Estómago: onde os alimentos se mesturan cos zumes gástricos, que os seguen desfacendo. Aquí, o bolo transfórmase nun líquido espeso chamado quimo.
Intestino delgado: un tubo moi longo e enroscado onde ocorre a parte máis importante da dixestión. Nel, recíbense os zumes dixestivos do fígado (bile) e do páncreas (zume pancreático) que axudan a desfacer completamente os alimentos e extraer os seus nutrientes. Estes nutrientes pasan ás paredes do intestino e de aí ao sangue, que os repartirá por todo o corpo.
Intestino groso: aquí chegan os restos de alimento que non se poden aproveitar. O intestino groso absorbe a auga e forma os excrementos ou feces, que se almacenan no recto.
Ano: por aquí saen ao exterior os restos dos alimentos que o corpo non necesita, nun proceso chamado excreción.
Ademais dos órganos principais, hai outros que axudan no proceso:
Fígado: produce a bile, que axuda a dixerir as graxas.
Páncreas: produce zumes pancreáticos que axudan a descompoñer os alimentos.
Lectura facilitada
Estas son as partes máis importantes do aparato dixestivo.
Cada unha ten unha función no proceso da dixestión.
Boca:
Aquí comeza a dixestión.
Cos dentes trituramos os alimentos.
A saliva mestúrase co alimento.
A saliva comeza a desfacer os nutrientes.
Formamos unha masa chamada bolo alimenticio.
Farinxe e esófago:
O bolo pasa pola farinxe.
Despois baixa polo esófago.
O esófago é un tubo longo que leva o bolo ao estómago.
Estómago:
Aquí o bolo mestúrase cos zumes gástricos.
Eses zumes desfan máis os alimentos.
O bolo convértese nun líquido espeso chamado quimo.
Intestino delgado:
É un tubo longo e retorto.
Aquí ocorre a parte máis importante da dixestión.
O fígado manda bile.
O páncreas manda zume pancreático.
Estes líquidos axudan a desfacer os alimentos.
Os nutrientes pasan ás paredes do intestino.
Logo chegan ao sangue.
O sangue leva os nutrientes a todo o corpo.
Intestino groso:
Aquí chegan os restos que non se poden aproveitar.