Saltar navegación

3.2. Os nutrientes e as súas funcións

 

Glosario

Graxas insaturadas

Alimentos ricos en graxas insaturadas: aguacate, froitos secos, aceite...

Definición:

As graxas insaturadas son un tipo de graxa saudable que axuda a coidar o corazón e a reducir o colesterol malo. Atópanse en alimentos como o aceite de oliva, o peixe azul, os froitos secos e o aguacate.

Exemplo:

As noces teñen graxas insaturadas que son boas para o corazón.

Esencial

Un neno que non bebe e cae enfermo e un neno que si bebe e ten boa saúde..

Definición:

Esencial significa que algo é moi importante ou necesario para vivir ou funcionar ben.

Exemplo:

A auga é esencial para o corpo, xa que sen ela non poderiamos vivir.

A función dos alimentos

Os alimentos que comemos cumpren tres funcións fundamentais no noso organismo:   

Un neno e unha nena correndo con moita enerxía.

Enerxética

Achegan a enerxía que necesitas para moverte, respirar, pensar, manter a temperatura corporal e facer todas as actividades do teu día a día.

Un corpo humano flexionando un brazo e unha frecha apuntando ao bíceps.

Plástica

Serven para formar e reparar os tecidos do corpo, como os músculos, os ósos ou a pel.

Un neno sendo examinado por un médico cun símbolo de ben indicando que está san.

Reguladora

Algúns dos compoñentes dos alimentos axudan a controlar os distintos procesos do corpo, como a dixestión, a circulación ou o funcionamento dos órganos, así como de xerar defensas para ter boa saúde.

Lectura facilitada

Os alimentos teñen tres funcións importantes no corpo humano.

Función enerxética:

Os alimentos dan enerxía ao corpo.

Esa enerxía serve para moverte, respirar e pensar.

Tamén serve para manter a temperatura do corpo.

Sen esa enerxía non poderías facer as actividades do día a día.

Función plástica:

Algúns alimentos axudan a formar o corpo.

Tamén axudan a reparar partes do corpo que se estragan.

Serven para crear músculos, ósos e pel.

Función reguladora:

Outros alimentos axudan a controlar o que pasa no corpo.

Axudan na dixestión e na circulación.

Tamén fan que os órganos funcionen ben.

Algúns alimentos tamén axudan a crear defensas para estar sas e sans.

Cada grupo ten alimentos con nutrientes parecidos.

Cada grupo cumpre unha función diferente no corpo.

Os tipos de nutrientes

Roda dos alimentos con seis compartimentos cheos de alimentos: o primeiro para os carbohidratos, segundo para lípidos, terceiro e cuarto para proteínas, e quinto e sexto para para vitaminas.Para manter unha boa saúde, é importante saber como alimentarte de xeito equilibrado e para iso é fundamental que coñezas os diferentes nutrientes.

Non todos os alimentos achegan os mesmos nutrientes nin cumpren a mesma función no noso corpo. Se coñeces os diferentes nutrientes e os alimentos nos que máis están presentes poderás escoller mellor o que comes cada día, combinando variedade, cantidade e calidade para coidar o teu corpo e crecer forte e con boa saúde.

Os alimentos divídense en varios grupos, segundo os nutrientes que achegan e a súa función no corpo.

Grupo 1. Carbohidratos ou glícidos.

Estes alimentos achegan principalmente hidratos de carbono complexos, fibra, algo de proteínas e minerais.
A súa función é aportar enerxía e servir de reserva enerxética para o organismo.
Alimentos que pertencen a este grupo son: pan, arroz, pasta, patacas e cereais.

Grupo 2. Lípidos.

Estes alimentos son moi ricos en graxas insaturadas aínda que tamén achegan vitamina E así como ácidos graxos esenciais.
A súa función principal é dar enerxía e servir de reserva enerxética pero tamén axudan ao funcionamento do cerebro e coidan a pel.
Alimentos que pertencen a este grupo son: aceite de oliva virxe, aceite de xirasol (en menor medida) e manteiga.

Grupo 3. Proteínas.

Estes alimentos aportan principalmente proteínas ademáis de ferro e vitaminas do grupo B.
A súa función principal é formar e reparar tecidos como os músculos.
Son alimentos pertencentes a este grupo: carnes magras (polo, pavo e coello), carne vermella (vaca e porco), peixes (branco e azul), ovos, as leguminosas (lentellas, garavanzos, fabas) e os froitos secos (noces, améndoas, abelás).

Grupo 4. Proteínas.

Nestes alimentos atoparemos gran cantidade de proteínas, calcio, vitamina D e fósforo.
A súa función é formar e manter os ósos e dentes fortes.
Os alimentos deste grupo son o leite e os seus derivados coma o queixo, os iogures e kéfir.

Grupo 5. Vitaminas e sales minerais.

Os nutrientes principais que aportan estes alimentos son vitaminas (como a A e a K), minerais, fibra, sales minerais e auga.
A súa función principal é a de regular os procesos do corpo, producir defensas para o organismo e mellorar o tránsito dixestivo.
Os alimentos deste grupo son todo tipo de verduras e hortalizas.

Grupo 6. Vitaminas.

Estes alimentos son moi ricos en vitaminas (especialmente a C), minerais, antioxidantes e auga.
A súa función pricipal é a de protexer o organismo e reforzar as defensas, así como a de regular diferentes procesos.
Son alimentos deste grupo todo tipo de froitas.

Lectura facilitada

Para ter boa saúde é importante comer ben.

Necesitas coñecer os diferentes nutrientes.

Cada nutriente ten unha función distinta no corpo.

Non todos os alimentos teñen os mesmos nutrientes.

Cada alimento achega algo diferente ao corpo.

Se coñeces os nutrientes, podes escoller mellor o que comes.

Poderás combinar os alimentos con variedade, cantidade e calidade.

Así coidarás o teu corpo e crecerás forte e con boa saúde.


Os alimentos clasifícanse en grupos.

Grupo 1: Carbohidratos ou glícidos:

Este grupo de alimentos dá enerxía ao corpo.

Achegan sobre todo hidratos de carbono complexos.

Tamén teñen fibra, un pouco de proteínas e minerais.

A súa función principal é dar enerxía.

Tamén gardan enerxía de reserva para o corpo.

Algúns alimentos deste grupo son:

– Pan

– Arroz

– Pasta

– Patacas

– Cereais


Grupo 2: Lípidos:

Este grupo de alimentos ten moitas graxas boas.

Achegan graxas insaturadas, que son saudables.

Tamén teñen vitamina E e ácidos graxos esenciais.

A súa función principal é dar enerxía.

Tamén gardan enerxía de reserva no corpo.

Axudan ao funcionamento do cerebro.

Tamén coidan a pel.

Algúns alimentos deste grupo son:

– Aceite de oliva virxe

– Aceite de xirasol (en menor medida)

– Manteiga


Grupo 3: Proteínas:

Este grupo de alimentos axuda a formar e reparar o corpo.

Achegan sobre todo proteínas.

Tamén teñen ferro e vitaminas do grupo B.

A súa función principal é formar e reparar tecidos.

Axudan a construír os músculos e outras partes do corpo.

Algúns alimentos deste grupo son:

– Carnes magras (polo, pavo, coello)

– Carne vermella (vaca e porco)

– Peixes (branco e azul)

– Ovos

– Leguminosas (lentellas, garavanzos, fabas)

– Froitos secos (noces, améndoas, abelás)


Grupo 4: Proteínas

Este grupo de alimentos axuda a ter ósos e dentes fortes.

Achegan moitas proteínas.

Tamén teñen calcio, vitamina D e fósforo.

A súa función principal é formar e coidar os ósos e os dentes.

Algúns alimentos deste grupo son:

– Leite

– Queixo

– Iogures

– Kéfir


Gupo 5: Vitaminas e sales minerais

Este grupo de alimentos axuda a que o corpo funcione ben.

Aportan vitaminas, como a A e a K.

Tamén teñen minerais, fibra, sales minerais e auga.

A súa función principal é regular os procesos do corpo.

Axudan a producir defensas.

Melloran o tránsito dixestivo.

Os alimentos deste grupo son:

– Todo tipo de verduras

– Todo tipo de hortalizas


Grupo 6: Vitaminas

Este grupo de alimentos axuda a protexer o corpo.

Aportan moitas vitaminas, sobre todo a vitamina C.

Tamén teñen minerais, antioxidantes e auga.

A súa función principal é reforzar as defensas do organismo.

Tamén axudan a regular os procesos do corpo.

Os alimentos deste grupo son:

– Todo tipo de froitas

En que grupo entran as lambetadas?

As lambetadas ou lamberetadas son alimentos que non son necesarios para o funcionamento do corpo, xa que non conteñen nutrientes esenciais, ou teñen cantidades moi pequenas deles. Son produtos que, aínda que poden ter sabor agradable, achegan principalmente calorías baleiras, é dicir, moita enerxía pero pouco ou ningún beneficio nutricional. A maioría destes alimentos teñen moito azucre, graxas saturadas e sal, que consumidos en exceso poden provocar problemas como obesidade, diabetes, caries dentais ou enfermidades do corazón.

Expositor de supermercado cheo de alimentos de orixe industrial pouco saudables como galletas, chocolates e demais procesados

Neste grupo atopamos:

  • Doces industriais: bolos, madalenas, galletas recheas, tortas…
  • Refrescos azucrados: bebidas con gas, zumes con azucre engadido, bebidas enerxéticas…
  • Aperitivos salgados: patacas fritidas de bolsa, ganchos, gusanitos etc.
  • Lamberetadas: caramelos, goma de mascar, chocolates, chupa-chups etc.

Aínda que poden formar parte dalgún momento especial ou celebración, non deben consumirse todos os días. A recomendación é tomalos de forma ocasional, é dicir, só de cando en vez, e en cantidades pequenas. En lugar de escoller estes produtos, é mellor substituílos por opcións máis saudables, como froita fresca, froitos secos sen sal ou iogures naturais sen azucre.

Aprender a controlar o consumo destes alimentos é importante para levar unha vida saudable e sentirnos ben tanto por dentro como por fóra.

Lectura facilitada

As lamberetadas non son necesarias para o corpo.

Non teñen nutrientes importantes.

Ou teñen moi poucos nutrientes.

Aínda que teñen bo sabor, achegan só calorías baleiras.

Isto quere dicir que dan moita enerxía, pero non son boas para a saúde.

Moitas lamberetadas teñen moito azucre, moita graxa saturada ou moito sal.

Se comemos moito este tipo de alimentos, poden aparecer problemas de saúde.

Por exemplo: obesidade, diabetes, caries ou doenzas do corazón.

Alimentos que forman parte deste grupo:

– Doces industriais: bolos, madalenas, tortas, galletas recheas

– Refrescos azucrados: bebidas con gas, zumes con azucre, bebidas enerxéticas

– Aperitivos salgados: patacas de bolsa, gusanitos, ganchos

– Lamberetadas: caramelos, chupa-chups, goma de mascar, chocolates

Estes produtos non se deben comer todos os días.

Só deben tomarse de forma ocasional, en momentos especiais.

E sempre en cantidades pequenas.

É mellor substituír estes produtos por opcións máis saudables:

– Froita fresca

– Froitos secos sen sal

– Iogures naturais sen azucre

Controlar o que comemos é importante.

Así podemos levar unha vida saudable.

E sentímonos ben por dentro e por fóra.

Que se come no cole?

Un/ha alumna/o tomando unha fotografía cunha tablet do envoltorio dunha merenda doutra/o alumna/o no patio..Agora que ti xa coñeces os nutrientes, cres que os coñecen o resto de compañeiros e compañeiras do teu colexio?

Durante o tempo da merenda, ti e mailo resto do teu equipo, ides comprobar que come o alumnado das outras clases. Para iso levaredes unha tableta ou cámara fotográfica e tomaredes diferentes imaxes do produto: do alimento enteiro, da táboa nutricional e do código de barras. Se é un alimento natural só tomarás unha imaxe do alimento enteiro.

Ademais preguntaredes aos nenos e nenas que estean comendo ese alimento unha serie de cuestións para comprobar se son conscientes do impacto que poder xerar ese alimento no seu corpo. Serán do tipo:

  • É un alimento saudable o que estás a tomar?
  • Cantas veces á semana tomas este alimento?
  • Sabes que nutrientes achega ese alimento ao teu organismo?

Lectura facilitada

Ti xa coñeces os nutrientes.

Pero cres que os coñecen os teus compañeiros e compañeiras do cole?

Agora vas facer unha tarefa en grupo.

Será durante o tempo da merenda.

O teu equipo vai observar que comen os nenos e nenas doutras clases.

Para iso, levaredes unha tablet ou unha cámara.

Faredes fotos dos alimentos que vexades.

Se o alimento é envasado, faredes tres fotos:

– unha foto do alimento enteiro

– unha foto da táboa nutricional

– unha foto do código de barras

Se o alimento é natural (como unha froita), só necesitaredes unha foto do alimento.

Tamén falaredes cos nenos e nenas que estean comendo.

Faredes algunhas preguntas para saber se coñecen o que están a comer.

Algunhas das preguntas poden ser:

– É saudable o alimento que estás a tomar?

– Cantas veces á semana comes este alimento?

– Sabes que lle achega ao teu corpo?

Analizamos un alimento (I)

Unha lupa enfocando un código de barras dunha bolsa de patacas fritidasDe todos os alimentos fotografados polo grupo, deberedes escoller un e responder, reflexionando co teu equipo as seguintes preguntas:

  • Como se chama o produto e de que marca é?
  • A que grupo de alimentos (segundo o seu nutriente principal) dirías que pertence?
  • Canto é o peso do alimento?

Lectura facilitada

Agora toca reflexionar co teu equipo.

Mirade as fotos dos alimentos que fixestes.

Escollede un deses alimentos.

Despois, respondede ás seguintes preguntas:

– Como se chama o produto?

– De que marca é?

– A que grupo de alimentos pertence?

(Pensade no nutriente principal que ten.)

– Canto pesa o alimento?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)