Adicción é o que crea algo que, canto máis o consomes, máis ganas tes de repetilo, aínda que non sexa bo para ti.
Exemplo:
As bebidas con moito azucre poden crear adicción porque fan que sempre queiramos beber máis..
Colectores
Definición:
Os colectores son os contedores onde se bota o lixo segundo o tipo de residuo: plástico, papel, vidro, orgánico, etc. Axudan a reciclar e a coidar o medio ambiente.
Exemplo:
O plástico debe botarse no colector amarelo para que se poida reciclar.
Deforestación
Definición:
A deforestación é a acción de cortar ou destruír moitas árbores dun bosque, normalmente para usar a terra noutras actividades, como agricultura ou construción.
Exemplo:
A deforestación fai que moitos animais perdan o seu hábitat natural.
Cría intensiva
Definición:
A cría intensiva é un sistema no que moitos animais (como vacas, porcos ou galiñas) se crían en pouco espazo, de forma rápida e con moitos recursos, para producir carne, leite ou ovos.
Exemplo:
Na cría intensiva, as galiñas viven en gaiolas moi pequenas para poñer máis ovos en menos tempo.
Tipos de alimentos segundo o seu procesado
Non todos os alimentos que comes son iguais. Algúns veñen directamente da natureza e outros pasan por fábricas onde se lles engaden ingredientes ou se modifican para que duren máis ou teñan mellor sabor. Segundo o seu nivel de transformación, os alimentos poden clasificarse en naturais ou frescos, procesados e ultraprocesados.
Naturais
Son aqueles que non foron modificados por máquinas nin mesturados con outros ingredientes. Chegan ata nós practicamente igual que saen da terra, do mar ou dos animais.
Por exemplo, unha mazá, unha leituga, un vaso de leite fresco, un peixe acabado de pescar ou un anaco de carne sen aditivos. Estes alimentos son os máis saudables, porque conteñen os nutrientes que o noso corpo necesita sen engadidos que poidan prexudicarnos. Son ricos en vitaminas, minerais e fibras, e son a base dunha alimentación equilibrada.
Procesados
Son aqueles que foron cambiados un pouco para poder conservarse mellor ou para facer máis cómodo o seu consumo. Aínda que levan algún ingrediente engadido, non están cheos de produtos artificiais.
Exemplos deste tipo son o pan, o queixo, os legumes cocidos en bote, o peixe conxelado ou o iogur natural. Estes alimentos poden formar parte dunha dieta saudable se se elixen con coidado e sen abusar.
Ultraprocesados
Son os que máis deberías evitar ou comer só de vez en cando. Estes produtos foron fabricados en fábricas con moitos ingredientes artificiais: azucres engadidos, colorantes, aromas artificiais, conservantes e graxas pouco saudables.
Exemplos claros son os refrescos, os doces industriais, os bolos envasados, os cereais de cores, as galletas recheas ou os snacks salgados como patacas fritidas de bolsa. Estes alimentos poden parecer moi saborosos, pero non son bos para a nosa saúde, xa que teñen moito azucre, sal e graxa, e poucos nutrientes importantes.
Pero, por que cres ti que as empresas que fabrican alimentos engaden azucre? Pois é por varios motivos:
Para mellorar o sabor: os alimentos con moito azucre resultan máis doces e, polo tanto, máis atractivos para as nenas e os nenos e incluso para as persoas adultas.
Para conservar mellor os produtos: o azucre axuda a que algúns alimentos duren máis tempo sen estragarse.
Para que sexan máis enviciantes: canto máis doce é un produto, máis gañas temos de comelo outra vez. Isto fainos mercalo con máis frecuencia, o que beneficia ás empresas, pero non á nosa saúde.
Lectura facilitada
Non todos os alimentos que comes son iguais.
Algúns alimentos veñen directamente da natureza.
Outros pasan por fábricas, onde se lles engaden ingredientes.
Ás veces cámbianos para que duren máis ou saiban mellor.
Segundo o seu nivel de transformación, os alimentos poden ser:
– Naturais ou frescos
– Procesados
– Ultraprocesados
Os alimentos naturais ou frescos son os máis sans.
Non pasan por máquinas.
Non se mesturan con outros ingredientes.
Chegan á tenda case igual que saen da natureza.
Exemplos de alimentos naturais:
– Unha mazá
– Unha leituga
– Un vaso de leite fresco
– Un peixe acabado de pescar
– Un anaco de carne sen aditivos
Por que son tan bos?
Porque teñen nutrientes importantes para o corpo.
Non levan engadidos que poidan facer dano.
Son ricos en vitaminas, minerais e fibra.
Estes alimentos son a base dunha alimentación equilibrada.
Os alimentos procesados cambiáronse un pouco.
Pasan por algún proceso,
por exemplo, para durar máis tempo
ou para que sexa máis fácil comelos.
Levan algún ingrediente engadido,
pero non teñen moitos produtos artificiais.
Exemplos de alimentos procesados:
– O pan
– O queixo
– Os legumes cocidos en bote
– O peixe conxelado
– O iogur natural
Poden formar parte dunha dieta saudable.
Pero hai que escollelos ben e non abusar deles.
Os alimentos ultraprocesados son os menos saudables.
Debes evitalos ou comelos só de vez en cando.
Estes produtos fabrícanse en fábricas.
Levan moitos ingredientes artificiais.
Por exemplo:
– Azucres engadidos
– Colorantes
– Aromas artificiais
– Conservantes
– Graxas pouco saudables
Exemplos de alimentos ultraprocesados:
– Refrescos
– Doces industriais
– Bolos envasados
– Cereais de cores
– Galletas recheas
– Snacks salgados como patacas fritidas de bolsa
Estes alimentos poden saber moi ben.
Pero non son bos para a saúde.
Teñen moito azucre, sal e graxa,
e poucos nutrientes importantes.
Por que as empresas engaden azucre aos alimentos?
Fano por varios motivos.
A maioría teñen que ver con vender máis.
1. Para mellorar o sabor:
O azucre fai que os alimentos sexan máis doces.
Así gustan máis a nenas e nenos e persoas adultas.
2. Para conservar mellor os produtos:
O azucre axuda a que os alimentos duren máis tempo.
Evita que se estraguen pronto.
3. Para que sexan máis enviciantes:
Canto máis doce é un alimento, máis gañas temos de comelo outra vez.
Isto fai que o compremos máis a miúdo.
Isto beneficia ás empresas, pero prexudica a nosa saúde.
Audio
Experimento
Moitas veces non nos decatamos de todo o azucre que estamos tomando porque aparece con nomes diferentes nas etiquetas: xaropes, mel, dextrosa, sacarosa, maltosa, etc. Todo iso tamén é azucre, e debemos aprender a recoñecelo.
Un xeito de descubrilo é analizar a táboa nutricional do alimento, ahí verás a cantidade de azucre que ten por cada 100 gramos. Outro método sería a través do método científico.
Que pasará se quecemos un refresco ata que se evapore toda auga que ten? O que quedará será so azucre?
Lectura facilitada
Ás veces tomamos máis azucre do que pensamos.
Nas etiquetas, o azucre aparece con nomes diferentes.
Por exemplo: xarope, mel, dextrosa, sacarosa, maltosa…
Todo iso tamén é azucre, e debemos aprender a recoñecelo.
Como saber se un alimento ten moito azucre?
– Mirando a táboa nutricional.
Alí verás cantos gramos de azucre hai por cada 100 gramos.
– Facendo un experimento.
Por exemplo:
Se quecemos un refresco ata que se evapore a auga,
¿o que queda será o azucre?
Esta é unha forma de aprender usando o método científico.
Na busca do azucre oculto dos alimentos
Fíxate nestes produtos, cres que a empresa vendería tanto se os seus anuncios tivesen esta imaxe?
Ti e o teu equipo ides facer unha rápida investigación sobre un alimento. Para realizala segue os seguintes pasos:
- Calculade a cantidade de azucre que ten e buscade unha alternativa máis saudable para ese produto.
Audio
O impacto dos ultraprocesados no medio ambiente
Os alimentos ultraprocesados non só poden facer dano á túa saúde se os comes en exceso, senón que tamén teñen consecuencias negativas para o medio ambiente. Desde que se producen ata que chegan ao supermercado, deixan unha pegada moi grande na natureza.
Elaboración en fábricas e uso de enerxía
Os ultraprocesados prodúcense en grandes fábricas que necesitan moita electricidade, auga e combustibles para funcionar. Isto provoca unha alta pegada de carbono polo consumo de enerxía e a emisión de gases contaminantes, como o CO₂, que contribúe ao cambio climático e ao quecemento global. Canto máis complexa é a fabricación dun alimento, máis recursos naturais se usan.
Transporte a longas distancias
Moitas veces, estes alimentos fabrícanse nun país e transpórtanse por camión, barco ou avión a outros lugares do mundo. Este transporte a longas distancias tamén produce contaminación e aumenta as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Envases e residuos
Os alimentos ultraprocesados adoitan vir en envoltorios de plástico, aluminio ou cartón, moitas veces innecesarios. Estes materiais xéranse en grandes cantidades e non sempre se reciclan ben. Moitos rematan no lixo común, ao non botarse nos colectores correspondentes para logo chegar aos ríos ou os océanos, contaminando a auga e danando a vida mariña. Por exemplo, os peixes ou tartarugas poden confundir os plásticos con comida.
Uso intensivo de materias primas
Para producir estes alimentos, utilízanse grandes cantidades de ingredientes como aceite de palma, millo, azucre ou cacao, que moitas veces veñen de plantacións que destrúen bosques e hábitats naturais. Isto pode provocar a deforestación, a perda de biodiversidade e o desprazamento de animais salvaxes fóra do seu hábitat.
Elevado consumo de produtos animais
Moitos ultraprocesados conteñen derivados animais como graxas, leite ou carne procesada. A cría intensiva de animais, sobre todo de vacas, porcos e galiñas, require grandes cantidades de auga e cereais, e xera unha enorme cantidade de residuos e gases contaminantes. Ademais, ocupa moito terreo que podería usarse para cultivar alimentos saudables de forma máis sostible.
E ti que podes facer?
Comer máis alimentos naturais ou pouco procesados, como froitas, verduras, legumes ou pan caseiro.
Evitar os produtos que teñan moito envoltorio ou que veñan de moi lonxe.
Levar sempre que se poida unha merenda saudable en envases ou bolsas reutilizables.
Apostar por produtos de tempada e de proximidade (que se producen preto de nós).
Aprender a cociñar na casa, en lugar de comprar comida preparada.
Cando escolles o que comes, tamén estamos escollendo como queres coidar o planeta. Comer menos alimentos ultraprocesados é bo para o teu corpo, é o que se chama alimentación sostible.
Audio
Actividade de sobremesa... un roscón!
2
Quedaches con fame? Unha actividade "de sobremesa" para comprobar todo o que aprendiches. Observa as letras e enche as palabras que faltan neste roscón feito cun montón de ingredientes relacionados coa nutrición.