Recoller: Revisión, Emoción e Reflexión en Intelligere & Co.
Ao longo do voso percorrido nesta axencia xa tedes información sobre as anomalías posibles e as formas de combatelas especialmente a través da argumentación. Agora é o momento de facer unha pausa para reflexionar sobre o aprendido e sobre como vos sentistes no proceso.
Para iso, realizaremos de novo as dúas tarefas de anteriores seccións:
- Unha Mesa de axentes onde debateremos os nosos logros e dificultades con outros equipos.
- Un pequeno arquivo onde a representades a vosa reflexión.
Antes de comezar, asegurádevos de que tedes accesibles todas as vosas notas, documentos e produtos xerados durante as actividades previas. Se é necesario, organizádeos antes de iniciar a revisión.
Tarefa 1: Mesa de Axentes
- Estructura cooperativa: Pezas de quebra-cabezas cooperativo
- Tempo total: 30 minutos
Obxectivo:
Favorecer a autoavaliación e a metacognición a través dunha discusión guiada entre grupos, onde cada equipo achega unha perspectiva complementaria sobre o proceso de aprendizaxe.
Pasos:
- Cada grupo recolle cales foron as ideas máis importantes, como percibiron que era o ambiente de clase no momento de realizar e que aspectos poden mellorar.
- Preparación da mesa redonda (5 minutos): Cada grupo escolle un rol dentro da discusión:
- Axentes de coñecemento: Explican os conceptos clave aprendidos.
- Axentes de emoción: Analizan como se sentiron ao longo do proceso.
- Axentes de mellora: Identifican aspectos que se poden perfeccionar.
- Discusión cruzada (15 minutos): Cada grupo envía un representante a outra mesa para compartir a súa perspectiva e recibir feedback. O resto do equipo toma notas das respostas doutros grupos.
- Síntese e rexistro (10 minutos): Os representantes volven ao seu grupo, comparten as aprendizaxes obtidas e elaboran unha Acta de Mesa Redonda, sintetizando os puntos clave da discusión.
Produto final: Acta con aprendizaxes, emocións e propostas de mellora baseadas no intercambio con outros grupos.
Tarefa 2: O Reflexómetro.
- Estructura cooperativa: Parellas en espiral
- Tempo total: 20 minutos
Obxectivo:
Reflexionar sobre o proceso de aprendizaxe e representar visualmente ou a través da linguaxe verbal as ideas clave que xurdiron.
Pasos:
- Discusión inicial en parellas (5 minutos): Cada parella escolle unha destas preguntas para debater:
- Que cambiou na nosa forma de entender a IA e/ou a linguaxe?
- Que consellos lle dariamos a futuros axentes de Intelligere & Co.?
- Que parte do proceso de aprendizaxe repetiríamos e cal mellorariamos?
- Ampliación en grupo (5 minutos): Cada parella comparte as súas ideas cunha segunda parella, que engade novas perspectivas.
- Representación final (10 minutos): O grupo pode elixir entre dúas opcións para plasmar a súa reflexión:
- Imaxe: Crean un esquema visual con ideas clave do seu proceso de aprendizaxe, emocións sentidas e retos superados.
- Alegoría: Redactan un pequeno texto onde inventan unha personaxe que ten obxectos, formas de vestir, características que representan o seu proceso de aprendizaxe, emocións sentidas e retos superados (por exemplo, escóllese unha árbore alta para representar a adquisición de perspectiva sobre o tema).
Rexistro:
Unha vez completadas as tarefas, cada grupo debe documentar os acordos tomados para futuras actividades. Esta revisión servirá como referencia en próximas misións de Intelligere & Co. para mellorar estratexias de aprendizaxe e xestión do grupo.


