Saltar navegación

Verifica a información

Que queremos decir cando falamos de fake news?

Icono verificar informaciónProbablemente escoitaches nalgún momento falar de fake news. É un anglicismo habitual que empregamos con moitos sentidos normalmente asociados a idea de mentira ou falsedade. A discusión democrática implica moitas veces falar de valores, intereses, propósitos, sentimentos e crenzas e necesita que para que esa discusión sexa honesta a información sexa tamén honesta. Co termo fake news ou a máis exacto de desinformación describimos unha ameaza a esa honestidade.

Nesta sección o observatorio revisarase que entendemos por fake news e presentarase unha ferramenta para loitar contra a súa extensión: a verificación da información.

Obxectivos

Nesta sección do laboratorio prestaremos especial atención a:

- Coñecer as características principais do fenómeno das fake news o desinformación.

- Identificar as súas caracteristicas en mensaxes concretas.

As fake news como ameaza

Seguro que escoitaches a falar das fake news e dun termo relacionado: a posverdade. Foron palabras sinaladas como palabras do ano hai tempo. O observatorio está traballando nese tema e como afecta á convivencia en Outeiro do Byte.Ilustración confusión nas mensaxes

A definición de maior consenso sobre as fake news sinala que son mensaxes coa aparencia de noticias cun contido deliberadamente falsas que inducen engano na súa audiencia co propósito de obter beneficio económico ou ideolóxico.

O beneficio económico derívase do feito que as noticias falsas captan máis a atención e derivan máis audiencia que as noticias normais co lóxico aumento en publicidade.

Fake news, noticias falsas ou desinformación?

Traducimos por noticias falsas o anglicismo fake news. Coma toda palabra nova, a súa adaptación plena aínda está por consolidar. A Unión Europea nos seus documentos sobre o tema prefire o termo máis específico de desinformación

Xa no 2016 un informe elaborado polo sitio de entretemento BuzzFeed indicou que os titulares falsos atrapaban ao público americano adulto o 75% do tempo.

Causas

A orixe das fake news ten explicacións tecnolóxicas, socias e psicolóxicas

Entre as causas sociais, está unha sociedade diversa con intereses as veces contraditorios. O beneficio da
Por outra parte, hai un sector de poboación que mantén condutas directamente contrarias á convivencia e que pode obter pracer ou beneficio simplemente do éxito derivado da expansión dunha noticia falsa.
A construción de comunidade busca o fortalecemento das crenzas de base común e as condutas baseadas no asentamento, a sintonía e a coordinación son premiadas. O comportamento social, por tanto, favorece que os contidos que se consuman sexan coherentes cos valores e visión do grupo e as informacións que critiquen ou cuestionen a miúdo son vistas como fonte de conflito, desestabilización e son censuradas.

Entre as causas tecnolóxicas figuran o éxito das redes sociais, os fenómenos de viralización de contidos e un modelo de negocio baseado da dependencia da atención

As explicacións psicolóxicas céntranse nos mecanismos cognitivos que favorecen a defensa irracional dunha posición por cuestións que afectan tanto ao concepto que temos de nós como a visión do mundo que favorece o noso equilibrio mental. Dende un punto de vista psicolóxico, o éxito das noticias falsas reside en que favorece unha posición preestablecida, simplifican a selección de información e dan continuidade e estabilidade á nosa identidade, é dicir, evitan calquera indicio que provoque a tensión mental derivada da denominada disonancia cognitiva.

Unha inercia psicolóxica. Adquirir un coñecemento novo implica un custo en refacer significados, valores e propósitos e ese custo pode ser excesivo respecto aos beneficios de valorar unha información que contradí o xa establecido.

Tipos

A web especializada no tratamento da desinformación, First Draft, distingue estes tipos principais de noticias falsas.

Os tipos máis comúns son;

Conexión falsa: Cando os titulares, os elementos visuais ou os pes de imaxe non se corresponden co contido informativo.

Contido enganoso: Uso do contido de xeito insidioso para enmarcar un asunto ou persoa mediante información parcial, ambigua ou inexacta

Contexto falso: Cando se comparte contido real pero con información contextual falsa; o contido está cambiado do momento espacial ou temporal ou hai circunstancias da situación comunicativa que están transformadas ou omitidas e impiden a súa correcta interpretación.

Contido impostor: Cando a fonte dunha mensaxe non é real e o contido por tanto non responde a un emisor fiable.

Contido manipulado Cando a información ou as imaxes están manipuladas para ofrecer unha mensaxe que non coincide coa realidade

Contido fabricado. O contido xa sexa verbal, gráfico ou audiovisual é completamente falso e está expresamente deseñado para enganar ou causar dano.

Tamén inclúen un tipo particular de contido satírico que pode ser reinterpretado como contido real ao ser difundido de xeito masivo. Unha das particularidades deste tipo de contido satírico é que logra esquivar controis iniciais (xa que non hai pretensión de informar) pero que ao ser descontextualizado no momento de ser compartido por exemplo en redes sociais convértese nun contido falso que é interpretado como unha mensaxe verídica con consecuencias sobre o prestixio e consideración do que se está a satirizar.

Características

Existen unha serie de marcas habituais nas noticias falsas que facilitan a súa identificación

  • Ausencia de firma.
  • Fonte descoñecida.
  • Formato distinto do habitual. Adoitan titulares rechamantes, un uso esaxerado das maiúsculas, linguaxe que abusa das marcas de exclamación ou símbolos pouco habituais nas convencións de estilo das noticias.
  • Corrección lingüística. Unha parte importante das noticias falsas conteñen erros ortográficos e de redacción xa que a miúdo son malas traducións ou reutilizacións de orixinais de outras linguaxes.
  • A data: as noticias falsas poden non conter referencias precisas que permitan unha referencia cronolóxica clara. A ausencia desas referencias, por exemplo, permite o reenvío de noticias reais descontextualizadas.
  • As imaxes que conteñen poden non coincidir co contido ou ter un tratamento que permita a ambigüidade. No caso das manipulacións, poden existir erros evidentes no uso da luz, de continuidade nas sombras, das proporcións, etc.
    Imitación de cabeceiras que non son reais ou de enderezos web que tampouco son os orixinais.
  • Solicitude de reenvío.

Perigos

  • Desconfianza respecto a información. As informacións crean confusión na sociedade impedindo que a súa toma de decisións sexa razoable.
  • Favorece unha percepción manipulada do prestixio real de persoas, entidades ou institucións.
  • Confirmación de puntos de vista e perda de referentes alternativos e de posibilidades lexítimas
  • Redución da capacidade de razoar e examinar criticamente os contidos; falta de control sobre a construción dunha opinión propia.
  • Consolidación de situacións de desigualdade de poder, acceso ou información en beneficio daqueles grupos que promoven as noticias falsas.

Recolle a terminoloxía axeitada

Duración:
1 sesión
Agrupamento:
Grupo de traballo (3-5)

Elaborar unha lista de termos axeitados para a definición do fenómeno da desinformación.