Un dos principios fundamentais da cidadanía democrática é a participación. Para participar, un cidadán o unha cidadá responsable e con compromiso cívico está ben informado/a. Que significa estar ben informado/a no mundo dixital?
Na época dos medios de información audiovisuais (radio, televisión) e de prensa escrita o debate público tiña lugar a través de medios concretos e a participación directa da poboación nese debate era limitada. Con todo, iso no implicaba que a poboación interpretase as noticias, tomase posición, discutise no seu ámbito e empredese accións cando considerase oportuno (votacións, apoio a causas, presencia en asociacións, activismo de distinto signo, participación en manifestacións, etc).
Coas redes sociais (por exemplo, facebook), as aplicacións de mensaxería (whatsapp ou telegram, por exemplo) ou as plataformas de creación e difusión de contidos (twitter, instagram, twitch por nomear outros exemplos) e do móbil como lugar fundamental de intercambio comunicativo as esferas do discurso público ese panorama anterior cambiou. Dun lado, as distintas empresas de comunicación e as plataformas de contidos teñen moitos máis datos da opinión da cidadanía e da súa conduta e poden personalizar as mensaxes con moita maior concreción. Por outra, a cidadanía conta con moitas máis fontes e o consumo de contidos e maior e máis individual. Este novo panorama implica retos importantes para unha sociedade democrática xa que podemos informarnos de moitos xeitos pero só un deles contribúe a formar persoas que poidan convivir en democracias diversas, complexas e abertas como son as nosas sociedades.
Como podemos delimitar que significa participar democraticamente?
Para definir que entendemos por informarse democraticamente, podemos destacar catro elementos que ten a información elaborada dende esas ideas: acceso, calidade, valoración e intervención.
Acceso
Contar con ferramentas tecnolóxicas (dispositivos como os móbiles, tabletas, ordenadores ...), consultar medios de información dixital e facer un seguimento habitual. Na práctica, a maioría da poboación conta con algún dispositivo, especialmente móbiles, mediante os que pode obter todo tipo de información.
O reto principal é asegurar ese acceso como dereito e fornecer as estratexias para facelo efectivo, é dicir, estender as competencias para facer que ese acceso sexa funcional, consciente e responda aos intereses persoais.
Calidade
Por información de calidade entendemos que sexa verídica, verificable e axude á comprensión dunha situación concreta. Verídica implica que está elaborada con criterios obxectivos e procedementos de validación. Ao indicar en que sexa verificable, estase sinalando que a cidadanía teña a posibilidade de comprobar os criterios e procedementos dende os cales se elaborou esa información o que ten relación cos criterios de transparencia desa información. Comprensible, pola súa banda, implica que as mensaxes conten con datos suficientes e pistas complementarias para presentar a realidade dun xeito comprensible, contextualizable e adaptado ao nivel de comprensión esperable da maioría da cidadanía.
Valoración
valorar é relevante porque expón a capacidade da cidadanía de interpretar a información a partir dun diálogo respecto aos intereses propios e do conxunto da comunidade. Este proceso de valoración non é simplemente un labor individual ou un sinxelo agregado de expectativas, comprensións e posicións individuais; é máis ben un proceso colectivo que permite a construción dun proxecto común en base a acordos e compromisos mutuos.
Intervención
A posibilidade de intervención nesa conversación é o outro eixe que define a participación democrática. A maioría de propostas para fornecela inciden en que as distintas institucións deben ser proactivas de cara á cidadanía e deben facilitar mecanismos para facer efectiva á intervención dos cidadáns.