A maioría de información que nos chega é froito da interacción con grupos de confianza. Pero para que unha deliberación sexa eficaz deben escoitarse puntos de vista diverxentes e opinións distintas para poder pensar en alternativas. A capacidade de imaxinar escenarios posibles é fundamental para que o proceso de decisión sexa óptimo. A calidade da deliberación depende en moito grado da profuncidade coa que analizamos unha situación e a capacidade para entender, anticipar e propoñer situacións, consecuencias e opcións viables.
Posto que calquera grupo hai diversidade, a achega de distintos puntos de vista parece natural. Pero que sucede se un grupo non conta con esa diversidade e, ao contrario, o tipo de opinións distintas é cada vez máis reducido.
Dous conceptos aparecen nas redes sociais para dar conta deso: os filtros burbulla e as cámaras de eco.
Denominamos filtros burbulla aos distintos algoritmos que seleccionan de xeito automático a información que recibimos ou que as distintas plataformas seleccionan baseadas no noso perfil. Posto que a nosa atención vais ser atraída con maior facilidade por puntos de vista afíns as nosas crenzas finalmente a selección de noticias, mensaxes e contidos en xeral creará un menú artificialmente reducido.
Chamamos cámaras de eco a unha selección deliderada de fontes e usuarios que comparten con nós puntos de vista similares. O feito que as mensaxes que son intercambiadas sexan homoxéneas en canto a valores, obxectivos e ideas provoca unha falsa sensación de diversidade que non reflicte a auténtica diversidade dunha comunidade complexa.