Que é unha infografía?
Definición
A infografía é un tipo de texto de enfoque visual que busca a comprensión clara, rápida e doada de datos, análises e ideas complexas, extensas ou abstractas a través de recursos gráficos e verbais.
A infografía é unha técnica moi habitual para representar información en imaxes pola súa utilidade e polo seu atractivo. Une un deseño da mensaxe enfocado á comprensión e ao procesamento óptimo de contido co interese por captar a atención por medio da orixinalidade e de procedementos estéticos. Poden servir como complemento de textos máis amplos ou empregarse de xeito independente.
Aínda que a súa orixe está moi ligada aos medios de información e a edición de libros instrutivos, na actualidade é frecuente atopalas nos medios dixitais e nas redes sociais xa que están concibidas precisamente para a súa difusión e mesmo adoitan a invitar directamente a que se compartan. Axuda tamén a existencia de aplicacións específicas que facilitan á súa elaboración (modelos, exemplos, interfaces intuitivas) mais unha cultura en internet de creación de contidos por parte dos usuarios. Por último, é unha técnica habitual en márketing e publicidade.
Estratexias
- Mensaxe híbrida: A natureza da infografía é mesturar elementos visuais con verbais buscando sempre a maior significatividade e comprensibilidade.
- Emprego frecuente de gráficos: é habitual o emprego de datos ofrecidos mediante diferentes tipos de presentación gráfica: barras, sectores, nube de etiquetas...
- Recursos tipográficos: os tipos de fonte é son significativos. Recoméndase non mesturar máis de tres tipos de fontes distintas e a súa elección debe resultar significativa: unha para os elementos de título e outra para as explicacións máis longas. Pensa que a tipografía debe resultar lexible. Lembra que como en calquera outro tipo de texto os recursos tipográficos engaden información, organizan a estrutura e orientan a interpretación das mensaxes.
- A paleta de cores debe ser axeitada ao tema que se vai expoñer. O normal é empregar de tres a cinco tons distintos en todo o deseño.
- Presencia de elementos icónicos. É frecuente que se incorporen distintos recursos icónicos: dende gráficos ata frechas, chamadas, etc.
- Inserción das fontes de información e referencia. A miúdo tamén o tipo de licencia creativa empregada.
- Estruturación da información: A organización e a disposición dos distintos elementos axudan ao receptor a comprender a mensaxe. Ao igual que os textos informativos, podedes empregar a estratexia da pirámide invertida á hora de presentar a información: a información de maior importancia vai enriba e a máis concreta en posicións inferiores. Lembra que como calquera texto lemos a información de arriba a abaixo e de dereita a esquerda.
- Equilibrio cromático e relevancia. A paleta de cores e as imaxes están relacionadas co tema que se expón; por exemplo, se a infografía denuncia condutas perigosas é habitual empregar tons vermellos ou que asociemos culturalmente ao perigo e a alarma.
- Busca a relación coas referencias, implicacións e contexto cultural dos destinatarios e destinatarias para acadar unha maior complicidade e resonancia.
Linguaxe
O uso da linguaxe verbal nas infografías é reducido e orientado a achegar aquela información que non pode ser expresada a través de recursos gráficos. Os aspectos máis salientables son:
- Emprego de construcións breves. Oracións curtas en voz activa e tempo presente.
- Selección léxica neutral cun rexistro frecuentemente formal e coidado.
- Enunciados non oracionais para títulos, ideas ou etiquetas de epígrafes, táboas, etc.
- Uso moi frecuente de enumeracións.
- Léxico preciso e, dependendo da clase de infografía, con terminoloxía específica.
- Integración de formas lingüísticas en recursos visuais xa sexa clasificando ou complementando a mensaxe.
Clasificación
Existen diferentes tipos de clasificación e mesmo as aplicacións deseñadas para realizar deseños baseados en modelos empregan distintas formas de clasificalas. De modo orientativo, os tipos máis frecuentes de infografías son:
- Expositiva: Explica un asunto, un acontecemento ou un tema achegando datos, información e conceptos relacionados
- Procesual. Explican secuencias, fases e pasos dunha actividade. Tenden a unha organización lóxica e progresiva e presentan listaxes e imáxenes consecutivas. É o tipo de infografía orientada a desenvolver guías ou instrucións rápidas.
- Cronolóxica ou liñas de tempo. Presentan datos, acontecementos ou feitos respectando a súa progresión no tempo. A miúdo relatan unha serie de datas específicas seguindo a súa transformación, evolución ou contraste.
- Estadística. Neste tipo de infografías os datos numéricos deben ser representados para visualizar a información e axudar á interpretación. Frecuentemente presentan resultados con gráficos (táboas, liñas, sectores) adaptando imaxes á súa dimensión e relevancia.
- Comparativa ou de contraste. Estas infografías están enfocadas a explicar as diferencias entre os distintos aspectos de dous o máis elementos para destacar as características distintivas. Son frecuentes para xulgar produtos e axudar á toma de decisións.
Partes
Debido á súa inspiración informativa, a estrutura e os termos que empregamos son moi semellantes a como clasificamos unha peza informativa
Título: Breve, claro e descritivo. Idealmente, tamén debe ser chamativo e orixinal de xeito que transmita o tema que se vai tratar e que capte a atención do público ao que vai dirixido.
Encabezado ou subtítulo. Normalmente entre 150 e 200 caracteres.
Corpo da información: A parte central da infografía mestura elementos textuais a miúdo en caixas ou outras formas que o singularizan co emprego de etiquetas, diagramas de barras, datas e outros elementos visuais.
Créditos: sinala os autores do deseño, a orixe da información empregada e indica a licencia, de ser o caso.
O exemplo seguinte é unha infografía na que podes observar as súas características: