Nesta terceira sección imos traballar cun novo mecanismo que se chama solenoide, un nome algo curioso que procede de dúas palabras gregas solen (tubo) e eidos (forma), xa que, se ben o principio no que se basea é similar ao dos motores DC o seu movemento é diferente e consiste nunha barra no interior dun tubo que realiza movementos lineais.
Verás que este movemento pode utilizarse de dúas maneiras dependendo como nos aproximemos, xa que o movemento pode percutir ou tirar. De feito, se te fixas na propia barra que se move, normalmente por un lado ten unha porca redonda como para golpear, mentres que polo outro extremo hai un pequeno buraco como para conectar algún tipo de enganche que permita aproveitar a tracción do solenoide.
Para utilizar os solenoides, igual que acontece cos Motores DC, imos precisar dun circuíto intermedio entre o Arduino e o solenoide, pero verás que é moi doado de construír utilizando tres compoñentes electrónicos e unha placa de prototipo. Tamén poderíamos aproveitar o mesmo L298N que ca vimos, pero isto o retomaremos no último apartado.
A maioría dos solenoides funciona con 12 voltios polo que non chega co voltaxe que pode prover o Arduino e precisarás tamén unha fonte de alimentación externa.
Tamén debes ter en conta que os solenoides precisan bastante amperaxe para funcionar correctamente, polo que é importante que comprobes que a túa fonte teña suficiente potencia en función das especificacións do modelo de solenoide que utilices.