Saltar navegación

CONXUNTO

Pois agora, por último, e xuntando todo o que aprendemos, xa poderías conectar ao Arduino os tres dispositivos, ou incluso duplicar algún deles, para facer un sistema máis complexo.

Probablemente poderías facelo ti revisando a información anterior, pero, para poñer as cousas algo máis doadas e que poidas repasar, aquí tes como conectar todo, aproveitando incluso a segunda saída do L298N e así controlar o solenoide, como xa avanzamos no apartado anterior, sen necesidade de montar o circuíto de control.

Conectando servo, motor DC e Soleide a un Arduino

E pode que te preguntes ¿Como podemos alimentar o motor e o solenoide cunha fonte de 12v, por exemplo e que non se queime o motor DC?. Pois basicamente axustando a velocidade do motor para que lle cheguen menos voltios. Mais abaixo cho explico co patch Pure Data que podes descargar  aquí.

Se queres ver como está programado non tes máis que abrir o subpatch.

Basicamente está composto cos exemplos que xa vimos e explicamos un por un nos apartados anteriores, so que agora xuntos e controlados por un único metro e contador para sincronizalos.

Lembra que terás que seleccionar o porto do teu  Arduino e logo os pines correspondentes nos que están conectados os motores, como fixemos ata agora.

Neste caso, para evitar que lle entren os 12v ao motor DC, verás que no a velocidade nos deslizadores verticais está bastante baixa. Estamos traballando con 12v tanto para alimentar o motor DC como o Solenoide usando o L298N. A velocidade que lle vas poder dar vai depender da voltaxe que tolere o motor. Por exemplo, poderías usar un motor de 12v e así non terías de que preocuparte.

Neste caso estou traballando cun de 6v polo que, reducindo a velocidade estou reducindo a voltaxe que lle chega e non me paso.

Se te excederas un pouco momentaneamente tampouco debería de haber problema, pero se o sobrecargas continuadamente podería queimarse. Como estamos traballando con voltaxes pequenas non sería nada grave, pero o motor deixaría de funcionar e terías que substituílo.

Tamén no vídeo verás que conectamos un multimetro para comprobar que non superamos a amperaxe que da a nosa fonte. Isto non sería imprescindible, pero cando non estamos seguros, a lo menos durante a fase de prototipado, é interesante facer a comprobación.

Podería haber outras opcións para crear máis variacións, pero a partir de agora xa podes empezar a experimentar utilizando o que aprendiches e pensar os teus propios instrumentos e combinacións.

Lembra revisar algunhas das propostas que mencionamos na primeira unidade como os traballos de Moritz Simon Geist, a Orquestra Robótica Disfuncional Phobos da Sonoscopía, ou as instalacións de Vtol.

Espero que o pases ben experimentando e imaxinando outras formas de facer música en colaboración coas máquinas e cos teus compañeiros e compañeiras.