Saltar navegación

Competencias

COMPETENCIAS CLAVE

O marco curricular actual do sistema educativo galego insiste na necesidade de dotar aos alumnos e alumnas das competencias que lles permitan “habilidades de traballo en equipo e o desenvolvemento do espírito crítico”. Tamén insiste na necesidade de aprender “principios fundamentais a través da observación e da propia reflexión”.

Aínda que en cada secuencia didáctica indicaremos as competencias clave en función dos contidos  atendendo a como aparecen descritas na LOMCE, creemos que compre realizar unha aclaración indicando de forma xeral a relación das competencias cos contidos e actividades a realizar no curso.


Competencia Matemática e Competencias básicas en Ciencia e Tecnoloxía (CMCCT)

A competencia científica desenvólvese a través da aplicación de coñecementos básicos de física acústica (natureza e calidades do son), así como dos aspectos relativos a todo o ámbito da robótica e a súa vinculación con diferentes ámbitos científicos actuais. No relativo á competencia tecnolóxica a atopamos tanto no manexo de elementos mecánicos como no deseño de circuítos eléctricos e electrónicos básicos.

A  competencia matemática esta implícita na resolución de cálculos e nas medicións, no proceso de deseño dos proxectos  tecnolóxicos así coma na construción.

Competencia en Aprender a Aprender (CPAA)

Entender o proceso creativo artístico como un campo de investigación que implica a aprendizaxe e a procura de solucións orixinais e experimentais utilizando a tecnoloxía como un medio de desenvolvemento cultural. Ao mesmo tempo os contidos propóñense seguindo unha metodoloxía de traballo por proxectos propia do ámbito tecnolóxico. Nesta competencia os alumnos teñen que acadar unha autonomía para a realización de proxectos e actividades, tanto de unha forma guiada polo profesor como de forma autónoma utilizando as suxestiones recibidas e a procura directa de información na rede.


Competencia en Conciencia e Expresións Culturais (CCEC)

Por unha banda desenvolverase o pensamento crítico sobre a ciencia e a tecnoloxía, os seus pros e os seus contras, e concienciarase sobre a utilización dos medios sonoros como unha ferramenta para a creación artística e musical, así como para a expresión persoal.

Competencia de Comunicación Lingüística (CCL)

Os contidos propostos traballarán a utilización con soltura de terminoloxía específica asociada ao ámbito da música, a tecnoloxía e a ciencia, ampliando o vocabulario dos alumnos. Do mesmo xeito establécese a realización de proxectos que inclúan aspectos relativos aos diferentes xeitos de presentar as ideas de forma escrita (informes) e oral (presentacións), o que axudará a organizar as ideas e comunicalas coa maior concreción posible.

Competencia Dixital (CD)

Pola propia natureza dos contidos desta proposta, a adquisición de competencias dixitais están claramente implícitas. Estas acadaranse a través da aprendizaxe dos fundamentos das linguaxes de programación, centrándose no coñecemento introdutorio de Arduino e con maior profundidade de Pure Data. Estes coñecementos serán extensibles á calquera outro sistema de programación, xa que a lóxica que está detrás comparte unha mesma filosofía baseada no pensamento lóxico.

Competencia Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIE)

Favorecerase a independencia do alumnado coa creación de proxectos, tanto individuais coma en grupos, que motiven o seu interese tanto pola música e a arte como pola tecnoloxía e a ciencia. Os contidos propostos facilitan unha serie de ferramentas e coñecementos, e aínda que se propoñan exemplos de instrumentos mecánicos concretos, o que se pretende é que os alumnos desenvolvan a súa creatividade e pensen os seus propios prototipos. Isto fomenta a súa independencia e a súa imaxinación. O curso permitiralles ao mesmo tempo ter unha visión xeral das posibilidades de aplicación e distribución da robótica nun contexto profesional máis alá do ámbito musical.

Competencias sociais e cívicas (CSC)

Abordarase esta competencia dentro das actividades en grupo, valorando o traballo colaborativo en equipo tanto na fase de creación como na de de desenvolvemento dos experimentos e prototipos. Concienciarase sobre a responsabilidade e a seguridade, tanto propia como allea, cando se traballa con tecnoloxía e ferramentas de distinto tipo.