Nesta unidade centrarémonos nos movementos mecánicos, concretamente en tres movementos básicos que producirán diferentes dispositivos moi utilizados en robótica: os servos, os motores DC (corrente continua) e os solenoides.
O obxectivo é aprender como funciona cada un deles e como aproveitar as súas dinámicas para poder accionar obxectos capaces de producir sons, para, finalmente, crear instrumentos mecánicos que poidamos controlar e combinar.
Os servos permiten realizar xiros do eixo do motor con moita precisión gracias a unha serie de engrenaxes ou rodas dentadas que teñen no seu interior para reducir a velocidade do xiro.
Os motores DC ou motores de corrente continua fan un xiro máis rápido que tamén se podería reducir dun xeito similar aos servos usando engrenaxes conectados ao seu eixo, pero, de seu, son ideais para xiros a maior velocidade e responde con menor precisión aos cambios.
Os solenoides están deseñados para realizar movementos lineais en lugar de circulares, moi útiles para, por exemplo, cando queremos percutir un obxecto.
En calquera caso, tanto uns como outros poderíanse converter a diferentes movementos utilizando as leis físicas, e mediante o uso de accesorios, para que o seu comportamento fose circular ou lineal indistintamente. Isto levarate a ter que pensar en termos de mecánica básica ou complexa, dependendo do que queiras conseguir, pero, en calquera caso, se usas o movemento directo que ofrecen cada un destes activadores xa poderás facer cousas moi interesantes.
Se queres saber máis sobre movementos mecánicos e as súas múltiples posibilidades podes visitar esta fermosa web que conten un índice de ilustracións, moitas delas animadas, baseadas no libro Five Hundred and Seven Mechanical Movements publicado por Henry T. Brown no ano 1868.
Verás que conectando varios elementos se poden conseguir movementos moi refinados interesantes para a creación de diferentes dispositivos.
Non obstante, nestas unidades imos centrarnos principalmente en movementos sinxelos e directos para que entendas como funciona o sistema, e logo xa poderás dar formas a ideas máis elaboradas se o precisas.