Por fin chegou o momento de comprobar que todo está funcionando e tratar de controlar algún dispositivo conectado á nosa placa de Arduino dende Pure Data.
Cando empecemos a traballar cos servos, motores DC e solenoides veremos algo de código en Arduino para que entendas un pouco máis como funciona, sen profundar demasiado, pero tendo en conta a base musical desta proposta, resulta moito máis idóneo e interesante se traballamos dende un sistema como PD, xa que está deseñado coa creación sonora en mente.
Se alguén está interesado ou interesada en traballar con Arduino exclusivamente tamén se poden conseguir resultados moi similares, aínda que como digo, o esforzo é maior pero tamén podes optimizar os procesos e adaptalo ás túas necesidades de maneiras moi diferentes. O interesante é que, incluso manexando unha mesma linguaxe de programación, ás veces hai maneiras diferentes de abordar unha solución, outras veces dependendo do proxecto que queiramos desenvolver hai linguaxes máis adecuadas para un ou outro tipo de procesos.
Tendo isto en mente, lembra que existen na rede moitos titoriais para aprender a linguaxe e para programar con código de texto dende o IDE de Arduino ou outras plataformas como Micro:bit, e similares, coas que se poden conseguir resultados parecidos.
Polo de agora imos empezar por ver que tal se levan entre eles Arduino e PD.