DESCRICIÓN DA PROPOSTA
A finalidade desta proposta educativa é achegarse tanto á creación musical como á robótica dun xeito diferente, fundindo a experimentación sonora coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (conxunto de coñecementos que no mundo anglosaxón se coñece como STEM), co obxectivo de crear instrumentos musicais mecánicos programables controlados por tarxetas controladoras tipo Arduino e por un ordenador central. Deste xeito engadimos a variable da expresión artística e sumamos a “A”, de arte, ao conxunto de siglas pasa así expandir os coñecementos antes mencionados (STEM + ART = STEAM).
Un dos ámbitos que mellor representa esta unión de disciplinas é o da robótica, o cal implica un coñecemento de técnicas de fabricación e enxeñaría, electrónica e programación creando dispositivos que poidan funcionar de forma independente, Neste caso centrarémonos na aplicación destes coñecementos á creación de robots musicais.
Actualmente coa popularización de micro-controladores programables de desenvolvemento libre e aberto, como Arduino, abriuse un marabilloso mundo de posibilidades que fan accesible a experimentación no ámbito da creación musical fusionando os procesos dixitais con instrumentos acústicos, e que permiten desenvolver, dun xeito eminentemente práctico, coñecementos sobre electrónica, mecánica e programación, ademais dos asociados coa música como a física acústica, a construción de instrumentos e a creación musical.
A finalidade da proposta non é so desenvolver capacidades técnicas, se non que no proceso procúrase fomentar o auto-aprendizaxe e a experimentación, así como a creatividade a través da comprensión da tecnoloxía e a súa relación coa música. Búscase profundar nas súas posibilidades como material expresivo incluíndo no proceso unha reflexión sobre a tecnoloxía actual e a nosa relación coas máquinas. Este enfoque tamén quere xerar coñecemento entrando en relación con outras manifestacións artísticas contemporáneas como a das Instalacións no contexto da Arte Sonora.