Saltar navegación

Clasificación

CLASIFICACIÓN DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Aínda que non imos profundar neste mundo tan amplo da clasificación dos instrumentos musicais, si que é interesante que saibas que, nas súas ansias de comprender, o ser humano, cando alcanza certo nivel de complexidade no desenvolvemento do seu coñecemento, sempre tende a clasificar o que produce para poder entendelo e racionalizalo. Isto tamén acontece cos instrumentos.

En occidente unha das clasificación máis sinxelas que existe é a de instrumentos de vento metal, de vento madeira, de corda e de percusión, pero é moi ambigua xa que podemos atopar instrumentos ben coñecidos como o piano, que se ben produce o son pola vibración dunha corda, esta é accionada ao ser percutida por un martelo e, á súa vez controlado por unha tecla. Isto último fixo que a veces se lle chamase instrumento de tecla, o que o sitúa na mesma familia do órgano no que o son se produce de xeito moi diferente mediante o uso do ar a través de tubos con diferentes características.

Realmente as clasificacións responden a moitas e diferentes razóns e poden organizarse atendendo a criterios moi variados como son cuestión mitolóxicas, máxicas, de clase social, de uso ou mesmo pola súa intensidade, como acontecía no Renacemento. Nesta época atopamos nalgúns tratados que se falaba de instrumentos Altos, de maior potencia e ideais para tocar ao ar libre, como por exemplo os de vento metal e a percusión, e Baixos, cun son máis suave e cunha maior idoneidade para espazos interiores, como acontecía coas cordas e o vento madeira.

Hoxe en día unha das clasificacións máis inclusivas e estendidas é a que se coñece como Hornbostel-Sach en honor aos seus creadores, os investigadores Eric Hronbostel e Curt Sach. Foi creada a principios do século XX e se trata dun traballo tan exhaustivo que permite clasificar case calquera instrumento que existe.

O criterio no que se basearon Hornbostel e Sach como elemento central para establecer a primeira diferencia na súa clasificación é a natureza do corpo que vibra e que produce o son. É dicir, cal é o elemento determinante que xera o son cando entra en movemento para activar as partículas do ar que o rodean producindo a sensación que coñecemos como son. Atendendo a esta idea, Hornbostel e Sach estableceron a división nas seguintes categorías iniciais:

Idiófonos: para referirse a aqueles que soan polas características físicas do propio instrumento, por exemplo unha campá interpretando un repique na basílica de Mondoñedo.

Membranófonos: aqueles que soan cando entra en vibración unha membrana, como acontece cos tambores ou as pandeiretas. Este é un ritmo interpretado cun Djembé.


Djembé |GR3AVE5Y | CC BY | Freesound

Cordófonos: cando o que produce o son é unha corda en movemento como vemos nunha guitarra, o violín ou a zanfona. Aquí podes escoitar un  Violoncello interpretado co arco.

Electric cello |Bopping | CC 0 | Freesound

Aerófonos: o que vibra nestes instrumentos é o ar cando lle aplicamos unha forza como nas frautas ou na gaita. Nesta gravación escoitas o son tan especial do instrumento coñecido como Duduk tradicional na Armenia.

Duduk |juskiddink | CC BY | Freesound

Cada unha destas categorías subdivídese á súa vez en varias tipoloxías ou subcategorías que acollen a infinidade de variables organolóxicas que atopamos, pero non imos entrar agora nisto xa que non é o obxecto deste apartado. Se tes máis interese podes ler máis acerca disto neste vínculo.

Co paso do tempo esta clasificación foise ampliando para dar cabida aos importantes cambios que aconteceron no século XX. Isto prodúcese principalmente coa introdución da electricidade que traerá consigo a aparición de novos instrumentos musicais, como o sintetizador ou a guitarra eléctrica, dando lugar a un quinto grupo coñecido como Electrofonos.

É probable que aínda non estea dita a última palabra. Coa cantidade de xente que experimenta a diario na creación de instrumentos non habituais e posible que acaben por xurdir outras novas categorías como propón Bart Hopkin no seu libro Deseño dos instrumentos musicais. Por exemplo, para instrumentos nos que o son poda ser producido por gotas de auga caendo nun depósito de auga ¿Podería ser este outro grupo? ¿Quizás un hidrófono?.

O certo é que non existan moitos instrumentos con esta característica e quizás non teña sentido engadilo, pero esta posibilidade nos fala de como as clasificacións están vivas e non son máis que unha ferramenta para comprender o mundo dacordo co coñecemento presente.

Cando Hornbostel e Sach publicaron a súa clasificación xa se creara o primeiro instrumento electrónico coñecido como Telarmonio por Thaddeus Cahill e pronto chegaría o Theremín. Probablemente eles non viron a necesidade de incluír estes illados intentos de converter a enerxía eléctrica en música na súa recente clasificación. Será en 1940 cando por fin se engadan ante a crecente aparición de instrumentos que tiñan esta característica.


Leon Theremin tocando o seu instrumento | CC BY NC SA | Archive.org