Saltar navegación

INSTRUMENTOS

Ilustración dun calvecín e outros instrumentos pertencente ao Syntagma Musicum Theatrum de Michael Praetorius publicado en 1620M. Praetorius. Varios instrumentos, Syntagma Musicum Theatrum Instrumentorum (1620) | Dominio Público | Wikipedia

Esta sección non pretende ser un tratado de organoloxía, a ciencia que estuda os instrumentos musicais, a súa clasificación, as súas características, o seu uso nas diferentes culturas e a evolución a través da historia, se non que é unha introdución que busca axudar a entender a lóxica dun instrumentos musicais en termos xerais.

O fin destas ideas é que poidas comprender como funcionan as ferramentas que a humanidade foi creando para poder producir e controlar aqueles sons que considera interesantes cunha finalidade estética, convertendo certos ruídos en sons capaces de transmitir emocións.

Cando comprendemos cales son os elementos que forman parte dun instrumento musical, entendido na súa xeneralidade, podemos, non so recrear algúns destes dispositivos, se non pensar ou repensar novos materiais ou sistemas cos que producir sons.

Como dicía o antropólogo John Blacking no seu moi recomendable libro ¿Hai música en el home?, a música son "sons humanamente organizados".

Este etnomusicologo buscaba comprender e explicar cal é a idea que está detrás desta marabillosa práctica artística e a súa existencia como algo consubstancial ao ser humano. Se ben as formas de facer música e de organizar estes sons, e mesmo de decidir que sons son musicais e cales pertencen á categoría de ruídos, van cambiando e modificándose a medida que a nosa cultura e sociedade evoluciona, esta idea permanece aínda, en boa medida, vixente.

Aquí reflexionaremos sobre como crear ou seleccionar obxectos sonoros polas súas calidades acústicas pero tamén, cando traballemos co nosos sistema robotizado, a utilizar o computador e as súas capacidades de "ordenar" para crear algo que teña sentido para nos dentro desta idea de música.

Por outro lado, aínda que traballaremos con electricidade e, dalgún xeito, o que estaremos creando se podería considerar música electrónica, isto non responde á lóxica do que convencionalmente encaixamos nesta etiqueta. Se ben o control do sistema faise con ferramentas dixitais, a produción do son acontece acusticamente, é dicir, os sons non son emitidos por altofalantes, se non por instrumentos ou obxectos convencionais.

Neste sentido este tipo de traballos normalmente se engloban na etiqueta de postdixital, entendida como aquelas tendencias que tratan de expandir, e mesmo subverter, as posibilidades da creación artística desbordando o desenvolvemento dixital dende unha postura aberta e crítica.