Saltar navegación

ARDUINO

Arduino é un entorno software e hardware de programación libre que utiliza unha placa re-programable construída arredor dun micro-controlador conectado cunha serie de portos de entrada e saída analóxicos e dixitais.


Imaxe da placa Arduino

Aínda que existen as placas oficiais de Arduíno, ó tratarse dun desenvolvemento libre, podemos atopar moitas e diferentes versións con máis ou menos portos de conexión e outras características variables, pero a filosofía e a linguaxe de programación que se utiliza e a mesma para todas elas. Na imaxe de abaixo podes ver que, a parte das habituais conexións de alimentación e USB, conta cunha serie de filas formadas por pines nas que podemos conectar cables para recibir información de sensores externos (entradas), ou controlar diferentes elementos (saídas) como os motores que logo veremos.

Diagrama da placa Arduino

Hai dous tipos de conexións dependendo do fluxo de información que controlemos; seis entradas analóxicos e catorce dixitais. Algunhas delas funcionan por modulación de pulsos, que poden programarse como entras ou saídas . Tamén están aqueles pines que podemos utilizar para alimentar algúns dos dispositivos que conectemos, 3 ou 5 voltios, dende a propia placa e a conexión a terra necesaria para pechar o noso circuíto. Pero polo de agora non te preocupes porque iremos vendo para que serve todo isto con calma.

Arduino foi unha revolución, xa que, ó tratarse dun sistema aberto, permitiu a todas aquelas persoas interesadas na programación e a electrónica desenvolver proxectos tanto sinxelos como complexos nos que se utilizaban diferentes tipos de sensores e dispositivos mecánico, como por exemplo motores. Isto puxo ao alcance de moita xente unha potente ferramenta de prototipado e desenvolvemento que fai accesibles campos como o da robótica ou a computación física, o que permitiu, por exemplo, crear interfaces para interactuar cos ordenadores dun xeito máis natural.

Deseño de sistema de interacción para creación escenográficaDeseño de idea por desenvolver de interacción entre danza e robótica musical

Para cargar scrips ou programas na nosa placa utilizamos o que se coñece como Arduino IDE (Integrated Development Environment), entorno de desenvolvemento integrado de Arduino. Aquí escribiremos as funcións que queremos que desenvolva a nosa placa. Poderiamos pedirlle que lea a información que ven dos sensores conectados a través das entradas ou indicarlle que mande información aos motores ou outros dispositivos sobre como queremos que se comporten.

Captura Arduino IDE