Saltar navegación

Anatomía

ANATOMÍA

Para poder pensar novos instrumentos é importante entender cales son os aspectos imprescindibles para que algo se poida converter nun instrumento musical. Pode ser simplemente un obxecto golpeado ou sacudido, ou algo máis complexo, pero o importante é que poidamos utilizar ese son de xeito musical, organizalo atendendo a un plan máis ou menos estrito, inscribilo dentro dunha lóxica discursiva.

Que un instrumento musical sexa sinxelo non significa que sexa menos interesante, como acontece con moitas cousas no mundo, o importante non é tanto o que se non o como.

No libro Sound Sculpture, editado en 1975 por John Grayson, e que é unha "colección de textos escritos por artistas que estudan as técnica, a aplicación e o futuro desenvolvemento" dunha rama da arte contemporánea moi interesantes que se coñece como escultura sonora, se inclúe un texto escrito polo propio Bernard Baschet, un dos dous irmáns de orixe francesa dos que xa mencionamos.

Se ben o texto se centra en profundar na parte do seu traballo que busca desenvolver estruturas sonoras que poidan ser manipuladas polo público dunha exposición, o que sería un contexto algo diferente ao musical, hai unha serie de consideración moi interesantes para facernos pensar á hora de comprender o proceso de creación e desenvolvemento de instrumentos musicais.

O primeiro é a idea da experimentación a través da práctica empírica, facendo soar diferentes obxectos, pero tamén unha escoita atenta que nos permita descubrir as vibracións audibles de diferentes obxectos, abertos á improvisación e ao inesperado.

O seguinte paso sería integrar estes descubrimentos na creación dun instrumento musical, para o que propoñen, de acordo coa súa estratexia de traballo, unha análise das partes que integran un instrumentos musical:

Elemento ou mecanismo excitador: aquel que aporta a enerxía sobre ó elemento vibrador e o pon en movemento.

Elemento vibrador: aquel que produce o son cando se move.

Elemento resoante: aquel que entra en movemento pola influencia do elemento vibrador podendo amplificar o transformar o son.

Elemento que irradia ou proxecta o son  a través do ar: aquel que da maior potencia ou direccionalidade ao son producido.

Podemos analizar isto collendo, por exemplo, un instrumento de orixe africana como é a Kalimba, tamén coñecida polos nomes de Sanza, Mbira ou piano de polgares dependendo da zona na que apareza.


Demostración dunha mbira Shona | CC BY | Youtube

Como podes ver no vídeo as diferentes láminas (elemento vibrador) fanse soar directamente cos dedos (mecanismo excitador) e é amplificado cunha caixa de resonancia, que as veces é reforzado metendo o instrumento dentro dunha cabaza (elemento irradiador). Algúns músicos tamén lle colocan unhas chapas de botellas a modo de sonaxas como as da pandeireta que, cando entran en vibración modifican o timbre do instrumento (elemento resoante).

Os irmáns Baschet Tamén mencionan a posibilidade de introducir entre o elemento vibrador e o resoante outros engadidos que recollan ese son.

Partindo desta idea poden pensar e deseñar instrumentos aplicando solucións innovadoras para resolver cada unha das partes do proceso, ou combinar técnicas clásicas con abordaxes modernas. Tamén poderías probar diferentes materiais para conseguir efectos variados e innovadores.

De tódolos xeitos, se aplicamos esta estrutura a algúns instrumentos tradicionais atoparemos que existen casos con elementos intermedios non contemplados. Por exemplo, se pensamos en instrumentos convencionais como o órgano de tubos, o mecanismo excitador sería o ar producido por foles ou por un motor/bomba neumático, e o elemento vibrador diferentes tubos, uns con embocadura de frauta e outros que teñen lingüetas. O teclado non é realmente un mecanismo excitador, se non que é un complexo mecanismo que dirixe o ar nunha ou noutra dirección ao que ademais habería que engadir os tiradores que temos abertos ou pechados para que soen unhas familias de tubos ou outras, coñecidas como rexistros.

Non é doado acaparar a complexidade da creación de instrumentos musicais, pero en realidade este esquema dos Baschet responde á súa metodoloxía e non pretende, como a clasificación Hornbostel-Sach, ter un sistema universal.

Tamén acontece que non todos os instrumentos teñen porque ter todas as partes. Pode haber instrumentos, como por exemplo un gong no que temos un mazo para facelo entrar en acción pero o elemento vibrador, resoante e irradiador é o propio corpo do instrumento, como acontece cos idiófonos. Outros máis complexos como o violín poden accionarse cun arco ou cos dedos (pizzicato) logo do que a corda produce unha vibración que é amplificada pola caixa de resonancia e é proxectada por uns cortes en forma de F perforados na súa tapa, tamén chamados ouvidos.

Ten en conta isto na próxima unidade cando, logo de comprender como controlar os nosos motores terás que desenvolver os teus propios proxectos sonoros probando diferentes obxectos susceptibles de xerar sons e procurando diferentes combinacións.