Saltar navegación

Actividades

 

1.Fíxate na decoración do friso do Claustro que o percorre por debaixo das arcadas.

Foi moi utilizada no Renacemento. Ás veces inspírase en sarcófagos romanos. Acaso a explicación estea en que o claustro foi durante moito tempo o cemiterio onde se enterraban os cóengos. Algúns dos motivos empregados para decorar denomínanse "grutescos" e outros "candeleiri". Busca en internet o seu significado.

2. A fonte que se atopa no claustro vense identificando tradicionalmente coa que se atopaba na Praza do Paraíso, na porta norte da catedral románica. Tería no seu centro unha columna de bronce coroada por catro leóns que vertían a auga para os peregrinos como se fosen os catro ríos do Paraíso Terreal. Descríbea con detalle o Códice Calixtino pero mal poderían meterse dentro dela os quince homes que se nos di.

Na segunda secuencia didáctica reprodúcese unha hipotética restauración. Debúxaa. Tamén podes ti imaxinar como era cunha columna central e cos catro leóns.

3. Na Planta Baixa, na sala que marcamos co número 1, se te fixas nos fustes verás que están decorados sobre todo con piñas de uvas. As uvas son símbolos eucarísticos do sangue de Cristo. Un fragmento de escultura na mesma sala representa unha muller con dous grandes acios de uvas. Búscaa co LDP.

4.Se repasamos nesta altura a labor do Mestre Mateo, lembra que ademais do Pórtico da Gloria, realizou o Coro Pétreo, así como as dúas figuras que vimos no interior da Porta Santa, na segunda unidade. Aínda que non nos referimos a elas no seu momento, son súas ou do seu taller as arquivoltas e os arcos lobulados que están por enriba do friso da fachada de Praterías. A súa influencia deixouse sentir en toda Galicia e por suposto en moitos outros lugares do templo coma os sepulcros da Capela do Espírito Santo, algunhas tombas do Panteón Real, o tímpano da Corticela... É seguramente un dos artistas medievais máis importantes do occidente, e sen embargo case nada sabemos da súa biografía. Paradoxos da historia. Volve a buscar esas obras das que falamos nas diferentes unidades.

5. Tamén levamos visto ao longo destas páxinas algúns tipos de bóvedas diferentes. Facede un grupo e repasádeas. Aquí tendes outras dúas ben fermosas. Están no Panteón Real e na Capela de San Fernando, pero hai moitas outras, mesmo neste derradeiro percorrido, por exemplo as do claustro. De vez en cando ergue os ollos e mira tamén para riba.

6. Completa a información sobre o Códice Calixtino. Mira outras fotos. Neste enlace tes o Capítulo V traducido http://perso.wanadoo.es/bubuyes/CAMINO/CODEX%20CALIXTINUS/libro5.txt. Busca información sobre as portas da catedral das que xa falamos. Fai un resumo do que se di delas.

Do  episodio do seu roubo, que estivo na prensa nas últimas datas, case mellor non comentamos.

7. Nunha liña cronolóxica que elaboraredes por grupos utilizando Dipity ou algún programa similar para crear liñas do tempo, situade as principais obras que vistes ao longo destas unidades. Marcade claramente cales pertencen a un período e cales a outro. Situade os artistas principais. Pódese facer tamén nunha cartolina.

8. Ata que se prohibiu por cuestións de hixiene a fins do século XVIII enterrábase algunha xente no chan das igrexas, aínda que o verdadeiro cemiterio da cidade de Compostela foi a Praza da Quintana, a Quintana dos Mortos, como se chamou.  Os poderosos, a nobreza e o alto clero eran soterrados nas capelas da catedral. Vimos ao longo das secuencias didácticas varias tombas. Facede un grupo de traballo sobre elas. Anotade situación, identificación, época, algunha característica. Se queredes podedes atopar algunhas máis con LDP, sobre todo no Panteón Real. Neste caso, a  verdade é que algunhas delas probablemente están cambiadas e non teñen dentro o morto ao que se refiren.

Loxicamente, a tomba máis importante do templo desde o punto de vista simbólico é a do apóstolo, debaixo do altar maior. Investiga cando se fixo a arqueta. De que material é? Podes acceder ao lugar coa páxina que xa coñeces, Tour Virtual.

  9. No seguinte enlace http://www.rtve.es/alacarta/videos/las-claves-del-romanico/claves-del-romanico-galicia-iii-santiago-final-del-camino/2478207/ tendes un magnífico resumo do románico da catedral. É un dos capítulos de "Las claves del románico", titulado "Galicia III. Santiago, el final del camino". Podedes ver outros en RTVE.es A la Carta.

ATA AQUÍ CHEGAMOS

Sería importante que fixérades na clase unha valoración sobre o que vos pareceron estas unidades. Que cousas cambiarías? Que agardabas cando empezastes a escoitar falar da catedral? Que cousas vos sorprenderon? Cales  vos pareceron máis interesantes? Cales proporías vós? O bosque de pedra da catedral ten aínda milleiros de carreiros por percorrer. Os que máis saben dela seguen a investigar e a descubrir cousas novas cada día. Coa páxina Libro de Pedra, mesmo é posible que investiguedes pola vosa conta sobre calquera outro aspecto en profundidade: as reixas, as columnas, outras capelas que non vimos, aspectos decorativos que non tratamos, retablos, capiteis agachados no escuro das bóvedas... Pero o mellor é que entredes nela, sen presa, e que olledes as súas marabillas. O caso é que tratedes de achegarvos ao mundo da arte, que pase a formar parte das vosas vidas e que teñades sempre a mente aberta e os ollos dispostos para ver cousas novas. Algunhas, coma a catedral, téndelas aí, ao pé de vós.