1. CLAUSTRO
CLAUSTRO E FACHADA DO TESOURO
Dirixidas por Juan de Álava, a partir da segunda década do século XVI inícianse en Santiago as obras no Claustro da catedral, aínda que os traballos prolongaranse ata finais da centuria, continuados por outros arquitectos. O claustro consta dun único piso con cinco amplas arquerías a cada lado. As influencias góticas están presentes nos arcos apuntados dos extremos, nas bóvedas nervadas ou nos pináculos.

Hai tamén elementos do novo vocabulario renacentista coma o friso que recorre a parede interior. A propia porta do Claustro de estilo prateresco, cunha Anunciación e a da Sancristía, que repiten as mesmas estruturas, están trazadas nese estilo. Son tamén obra de Juan de älava. Na escea que reproducimos, en dúas fornelas con forma de cunchas de vieira represéntanse o anxo e a a Virxe axeonllados. Fíxate na cantidade de motivos decorativos que completan o conxunto.

A mediados do século XVI érguese a Fachada do Tesouro na praza de Praterías baixo a dirección de Rodrigo Gil de Hontañón (que sucedera a Juan de Álava nas obras do claustro), autor do Pazo de Monterrei en Salamanca. As relacións entre as dúas construcións son evidentes. Divídese o conxunto en tres corpos de gran sobriedade. No inferior sitúanse as tendas dos prateiros e está decorado con medallóns de reis e de arcebispos. O segundo ten ventás con frontóns. Polo superior corre unha galería de arcos de medio punto rematando nunha elegante crestería. A fachada presenta no ángulo esquerdo unha curiosa torre, pouco frecuente na arquitectura galega, para algúns inspirada quizais inspirada nas representacións do Mausoleo de Halicarnaso ou nas pirámides precolombianas.
